PolíticaÚltima hora

Recupéranse as paradas no municipio de Quiroga do servizo de autobús Barco-Ourense

Estrada N-120 ao seu paso por Montefurado (Quiroga)./ Cedida.

 

Dende o BNG de Quiroga vén de emitirse unha nota de prensa na que se informa da recuperación das paradas do servizo de autobús Barco-Ourense, logo de que semanas atrás recolleran as queixas dos usuarios deste servizo que alertaban da perda de paradas. “A principios de abril deste 2022 recibimos queixas veciñais en relación á supresión de paradas de autobús no servizo que fai o percorrido O Barco-Ourense, concretamente no tramo que transcorre polo Concello de Quiroga. Tras consultar servizos e horarios do devandito traxecto coa empresa adxudicataria, comprobamos que efectivamente hai 3 servizos de ida e dous de volta ao día, tendo informadas tamén ao público todas as paradas na súa páxina web. No caso do tramo que transcorre polos límites do Concello de Quiroga só constaban 5 paradas (San Martiño-Alvaredos, Bendollo, Quiroga, Augasmestas, Conceado), sendo unha delas a da capitalidade, Quiroga”, segundo o BNG de Quiroga.

Así mesmo dende este partido político explícase que, “tendo en conta o anterior entendemos que había paradas que se suprimiron que daban cobertura a moitos núcleos rurais aos que deberían garantir un servizo e consideramos de xustiza solicitar a recuperación das mesmas. As paradas que non constaban nin como paradas oficiais nin tan sequera como “paradas baixo demanda” eran as seguintes: Montefurado, Bendilló, Paradaseca-Sequeiros, Os Novais, O Nocedo e Freixeiro”.

Ante esta situación, lembra o BNG de Quiroga na súa nota de prensa, “o día 12 de abril dirixímonos ao Servizo de Mobilidade de Ourense –Consellería de Infraestruturas e Mobilidade– solicitando se tivera por presentado o escrito dando traslado da situación que xerou queixas dalgúns veciños e veciñas, e tamén pedindo que se incluíran as paradas xa comentadas no servizo de autobús que fai o traxecto O Barco-Ourense. Semanas despois, o Concello de Quiroga anunciou que realizara tamén unha xestión coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia solicitando tamén a recuperación das paradas que facía o servizo de autobús da liña O Barco – Ourense dentro do termo municipal de Quiroga. E, segundo sinalaba tamén no seu comunicado, o servizo nas paradas indicadas sería recuperado”.

Finalmente, o BNG de Quiroga asegura no comunicado que “a día de hoxe, e tras contrastar información coa propia empresa concesionaria, comprobamos que as paradas foron xa incorporadas ao itinerario tendo a día de hoxe activas todas as posibles dentro do termo municipal de Quiroga. Esas paradas son: San Mariño de Alvaredos, Montefurado, Vilaster, Bendollo, Sequeiros, Novaes, Quiroga, Nocedo, Augasmestas, Freixeiro e Conceado. Deste xeito, e tras ambas xestións, a do BNG de Quiroga e a do Goberno Municipal de Quiroga, recupéranse como paradas oficiais, e sen necesidade de ‘pedilas a demanda con antelación’, Montefurado, Vilaster-Bendilló, Sequeiros-Paradaseca, Os Novais, Nocedo e Freixeiro.
Comprobamos así mesmo que a información xa aparece na web da empresa concesionaria do servizo de autobús O Barco-Ourense e agora procederemos a informar á veciñanza e a poñer nas paradas os paneis que detallan paradas e horarios”.

Artigos relacionados

Back to top button