CulturaCulturaÚltima hora

Redrum inicia os ensaios de “Un home con lentes de pasta”, a comedia que se estreará en maio en Ourense

A compañía teatral inicia unha residencia artística de tres semanas en Rianxo para encarar o treito final de ensaios desta obra escrita por Jordi Casanovas

Reparto de “Un home con lentes de pasta”.

 

Redrum Teatro inicia hoxe unha residencia artística de tres semanas no Auditorio Municipal de Rianxo para encarar o treito final de ensaios da que será a súa nova montaxe: Un home con lentes de pasta. Dirixida por Alex Sampayo, a obra trae ao galego unha comedia surrealista escrita polo dramaturgo catalán Jordi Casanovas, autor de obras tan exitosas como Jauría ou Ruz-Bárcenas.

Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Laura Míguez e Fernando González conforman o elenco dunha peza que pon o foco nas relacións persoais e no efecto que teñen sobre elas as aparencias, o narcisismo, a manipulación e a impostura. Un xogo escénico repleto tanto de crítica coma de ironía sobre a camuflaxe e as súas costuras que Redrum estreará no Teatro Principal de Ourense os días 7 e 8 de maio.

A obra, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de axudas á creación escénica da Agadic e coa colaboración do Concello de Rianxo a través desta residencia artística, preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra un vello desexo: escribir. Traerán a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos. Pero a Guillerme non o van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis. E Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

Artigos relacionados

Back to top button