OurenseÚltima hora

Redrum Teatro presenta en Ourense a súa nova comedia musical “Contos do Recreo”

A estrea terá lugar o 23 de setembro no Auditorio Municipal da cidade das Burgas
Alicia e Xacobe, os protagonistas de “Contos do Recreo”.

Un proxecto multidisciplinar composto por un espectáculo teatral e un álbume ilustrado. Iso é Contos do Recreo a nova comedia musical que a compañía Redrum Teatro estreará o vindeiro 23 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense.

Trátase dun espectáculo teatral dirixido ao público familiar que conta cun gran contido educativo, xa que “trata de concienciar sobre as consecuencias do acoso escolar, tal e como xa fixera o anterior espectáculo A Nena Que Quería Navegar, pero desta vez dende o punto de vista da nena acosadora”, explican dende Redrum que considera que as nenas e nenos que exercen acoso “son tamén vítimas xa que se trata de condutas de imitación e/ou autodefensa”.

A obra está protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo baixo a dirección de Álex Sampayo, sobre un texto da súa propia autoría compartida con Borja F. Caamaño, e xira en torno a Alicia, unha rapaza que goza mofándose das súas compañeiras ata que no recreo previo ao exame máis importante do curso aparece nun lugar máxico habitado por Xacobe, a estrafalaria estatua que custodia a porta que coroa o lugar. Para poder saír de alí e chegar ao exame, Alicia terá que resolver os enigmas e superar as probas que se agochan tras a porta dos recreos pasados, presentes e futuros.

Artigos relacionados

Back to top button