PolíticaÚltima hora

“A reforma da Lei de Saúde é un paso máis cara á recentralización”

Noa Presas, deputada do BNG, pedía no Barco a retirada do proxecto de reforma desta lei que contempla a desaparición da área sanitaria valdeorresa
A deputada Noa Presas, facendo declaracións aos medios de comunicación.

Ata o Hospital Comarcal Valdeorras no Barco desprazábase na mañá do 10 de xaneiro a deputada autonómica do BNG por Ourense, Noa Presas. Alí reuníase coa xunta de persoal do centro hospitalario para coñecer a súa realidade nestes momentos e tamén para amosar o apoio do BNG “á importante mobilización que está habendo dende O Barco e dende as localidades de arredor contra esa Lei de Saúde que pretende impoñer o PP e que nós estamos convencidos de que, lonxe de ser esa reorganización administrativa que intentan vender, é un paso máis para avanzar cara a recentralización e cara a privatización”.

Para Noa Presas “realmente este hospital de Valdeorras está en perigo, igual que o de Verín, incluso o propio hospital de Ourense corre perigo de perder cada vez máis capacidade, como aconteceu coa cirurxía pediátrica que é un caso especialmente sangrante. Non é de recibo que a cuestión da cirurxía pediátrica siga sen estar solucionada en Ourense e iso tamén é un problema para os nenos de Valdeorras”, aseguraba.

 

Un dos momentos da reunión da deputada autonómica do BNG coa xunta de persoal do Hospital Comarcal Valdeorras.

Ademais a deputada apuntaba que con esta vista “queremos contrastar cos profesionais as mentiras que está difundindo o PP, que non para de dicir que durante estes anos se aforraron 47.000 desprazamentos, pero é a mesma cifra que xa daban no 2010, é un pouco curioso que non actualicen o argumentario. E o que queda sen computar son as persoas que realmente teñen que estarse desprazando para Ourense por cuestións como ter unha fractura máis alá das tres da tarde, ou ter unha emerxencia importante máis alá das tres da tarde, porque hai servizos como a rehabilitación, como cardioloxía e demais que non están suficientemente atendidos neste hospital e que non contan con persoal as 24h”.

 

A deputada noutra imaxe da reunión.

 

Nese senso, Presas indica que “se todos eses desprazamentos son certos, unhas cifras tan elevadas certifican que neste hospital hai quórum para ter especialistas con maior horario e con maior dotación e, polo tanto, tamén presentaremos iniciativas no Parlamento galego non só para frear esa Lei de Saúde e, senón tamén para que sexa mellorado este hospital, incidindo en que é rotundamente falso que no 2012 houbera catro especialidades e agora xa moitas máis, hai servizos como rehabilitación que no 2012 estaban plenamente dotados e a día de hoxe non. É unha cuestión de coidados mínimos e que entendemos que debe ser recuperada”.

A deputada nacionalista mostraba tamén o seu apoio á concentración que vai ter lugar o día 24 de xaneiro no Barco e adiantaba que non vai poder estar presente xa que neses días haberá pleno no Parlamento e “pensamos que seguramente nel podería tratarse a reforma da Lei de Saúde”.

Artigos relacionados

Back to top button