EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Regresa a Ruta de Pinchos ‘O Barco vai de viños’ que se celebrará do 13 ao 21 de xaneiro

Nesta XI edición participan un total de 18 establecementos hostaleiros barquenses

 

Logo dun ano sen celebrarse por culpa da pandemia, regresa a Ruta de Pinchos ‘O Barco vai de viños’ organizada conxuntamente polo Concello do Barco, a Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA) e o CCA e pola, co fin de “promocionar e apoiar ao sector hostaleiro barquense”.

Así o anunciaba a presidenta de AEVA, Araceli Fernández, durante a presentación da ruta gastronómica que tiña lugar na mañá deste martes 11 de xaneiro na praza Maior do Barco, adiantando que esta XI edición celebrarase do 13 ao 21 de xaneiro na vila barquense contando con 18 establecementos distribuídos en tres zonas diferentes, que levan o nome doutras tantas variedades de uva valdeorresas: mencía, godello e garnacha. Ademais explicaba a mecánica desta edición, na que os “pinchos estrela” terán  un custe de 2 euros en cada un dos locais participantes. Coma sempre, para achegar ao público a ruta editouse “un mapa onde aparecen as tres zonas, cos establecementos que hai en cada unha delas, a súa localización, tipo de petisco, horarios nos que se sirven, e no seu caso o día de peche do local”, dicía Fernández, engadindo que os carteis inclúen un código QR a través da cal se pode visualizar toda a información.

 

Un dos pinchos que poderá degustarse nesta edición da ruta.

 

Unha edición máis, a organización pedirá a valoración dos petiscos a través duns boletos que estarán nos establecementos e que tamén poderá ir selando en cada un dos locais. Este ano, como novidade os catro pinchos mellor valorados polos clientes pasarán a unha segunda fase na que será un xurado especializado quen decidirá, atendendo a criterios de creatividade, presentación, sabor, textura e tradición, quen é o gañador da XI Ruta de Pinchos. Tamén haberá un segundo premio, un terceiro e un finalista.

Así, os clientes que selaran o boleto, que o cubriran con seus datos e tamén valorando o mellor petisco, poderán depositalo ata o 22 de xaneiro en calquera das urnas dos locais da ruta e participar no sorteo de catro ceas para catro parellas (sempre é cando teña un mínimo de cinco selos e, cando menos, un por cada unha das tres zonas) no Pazo do Castro, Casa Galaica, Fernando III e Piquiño. Nesta edición, as catro ceas do sorteo serán patrocinadas por Distribuciones Anger Valdeorras; Bodegas D’Berna, Distribuciones Roca e Exclusivas Morales, segundo matizaba o presidente do CCA, Jacobo Arias, agradecendo a colaboración de todas elas, así como a implicación do Concello do Barco e de AEVA “na elaboración desta edición da ruta” e por suposto a participación dos establecemos hostaleiros que “coa calidade e orixinalidade de cada unha das súas propostas, lograron a súa consolidación”. O sorteo da ruta será o 28 de xaneiro.

 

Asistentes á presentación na praza Maior do Barco.

 

A presentación contaba ademais coa asistencia do concelleiro de Turismo, Eladio Santo, quen tamén deu as grazas aos hostaleiros “por ofrecernos estes produtos que fan con mimo, esforzo e traballo, con ganas de saír desta situación que lles afecta directamente, e nun entorno seguro, sen restricións de aforo e con todas as medidas sanitarias vixentes”; así como dalgúns dos hostaleiros participantes que expuxeron algúns dos petiscos que poderán degustarse nesta edición de ‘O Barco vai de viños’.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Zonas da X Ruta “O Barco vai de Viños”

 

 

Artigos relacionados

Back to top button