PolíticaÚltima hora

“Rexeitamos frontalmente a supresión da área sanitaria do Barco”

Luis Villares, voceiro de En Marea, visitaba Valdeorras acompañado polo deputado Davide Rodríguez para manter unha reunión coa Xunta de Persoal do HCV e con representantes da Plataforma Sanitaria de Valdeorras
Luis Villares, voceiro de En Marea no Parlamento, e o deputado Davide Rodríguez, atendendo aos medios de comunicación no Barco. Foto: A.R.

“Isto non é cuestión nin do PP nin de En Marea, isto é unha cuestión de ter servizos para toda a cidadanía, nós estamos aquí por todo o mundo, non polos dun partido ou polos doutro, todo o mundo ten dereito a sanidade cercana á súa casa e iso é o que están desmantelando, con isto é imposible vivir no medio rural”, dicía con rotundidade o voceiro de En Marea no Parlamento galego, Luis Villares, xusto ao inicio da concentración en defensa da área sanitaria de Valdeorras que tiña lugar no Barco na mañá do 20 de setembro.

Lanzaba esta mensaxe despois de reunirse, xunto ao tamén parlamentario galego Davide Rodríguez de Manzaneda, coa Xunta de Persoal do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) e con membros da Plataforma Sanitaria valdeorresa. Villares resaltaba que En Marea rexeita “frontalmente a supresión da área sanitaria do Barco” e que, nese senso, xa ten presentado no Parlamento galego diversas iniciativas. “En primeiro lugar o que pedimos é a súa retirada. E pedímolo nós e outros grupos da oposición que nos estamos apoiando mutuamente. Quero tamén deixar claro que isto é unha mobilización de carácter social e político, levámolo de forma unitaria e estamos escoitando á xente das plataformas e aos profesionais e imos todos unidos.

En Marea tamén presentaba na Cámara galega unha proposición non de lei na que plantexaba que en lugar de reducir as áreas sanitarias, que é o que pretende o anteproxecto, se incrementen de once a catorce. “Queremos o mantemento das áreas sanitarias actuais e unha estrutura na que todos os hospitais comarcais se convertan en áreas sanitarias de referencia porque, dende o punto de vista da planificación, a nivel comarcal faise a mellor xestión posible, sabendo en primeiro lugar de que recursos se dispón, cales son as necesidades e, polo tanto, se atendéndoas mellor. E é tamén o lugar idóneo para establecer a participación de todos os axentes sociais nunha xestión transparente e democrática do sistema de saúde”, aseguraba Luis Villares.

Os deputados de En Marea Davide Rodríguez e Luis Villares, na concentración contra a reforma da Lei de Saúde de Galicia celebrada no Barco./ Foto: A.R.

O voceiro de En Marea sinalaba asemade que “non é admisible tampouco que hoxe a nivel de xestión para cambiar unha bombilla ou un tóner, como nos dixeron esta mañá dende a xunta de persoal, haxa que pedir permiso a Ourense. Iso é inaceptable. O que queren é desmantelar o sistema comarcal para que gravite todo ao redor dos sete grandes hospitais e todo para que despois alí se poda derivar á privada. Isto non se pode converter nun negocio porque é un dereito fundamental e non estamos dispostos a permitilo, polo tanto, estaremos aquí ata o final”.

Tras atender aos medios de comunicación, Luis Villares e Davide Rodríguez participaban na concentración en defensa da área sanitaria de Valdeorras que tiña lugar ao mediodía diante do HCV.

Artigos relacionados

Back to top button