CulturaCulturaÚltima hora

A relación de Camilo José Cela con Ourense, analizada nun libro

A obra, escrita por Camilo José Cela e editada pola Deputación de Ourense, presentábase no Centro Cultural Marcos Valcárcel
O escritor Xosé Carlos Caneiro e o presidente da Deputación, Manuel Baltar.
O escritor Xosé Carlos Caneiro e o presidente da Deputación, Manuel Baltar.

Coincidindo co centenario do seu nacemento, a Deputación de Ourense vén de editar un libro centrado na figura do Premio Nobel galego Camilo José Cela. Baixo o título “Ourense, galeguidade e excelencia na obra de Camilo José Cela”, o seu autor, Xosé Carlos Caneiro, pretende espallar a obra deste galego por toda a provincia de Ourense.

O libro está baseado en “Mazurca para dos muertos”, de Cela, “unha das obras máis importantes deste autor, a cal está ambientada en Ourense e non só iso, senón que está emocionalmente escrita en clave de Ourense”, sinalaba Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, no acto de presentación deste volume, celebrado na mañá do 14 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. “A homenaxe a un escritor faise lendo os seus libros, e iso é o que pretendemos divulgando esta publicación entre os centros de ensino secundario e a universidade para que a xente nova coñeza a obra e a figura de Cela e o que representou para as letras mundiais este autor”, destacaba Baltar.

Portada do libro adicado a Camilo José Cela.
Portada do libro adicado a Camilo José Cela.

Para Xosé Carlos Caneiro esta obra “cumpre todas as expectativas que tiña ao ser unha obra que se puidese ler e que motivase aos lectores e aos profesores a estudar a obra de Cela na nosa provincia”. O título da obra resume as intencións deste proxecto: “unir a obra de Camilo José Cela, en especial Mazurca para dos muertos, coa provincia de Ourense; a galeguidade, que eu considero rotunda en Cela; e significar a excelencia da súa obra a través dun estudo que realicei principalmente da súa novelística”.

A publicación, xunto con tres conferencias que se desenvolverán en distintos puntos da provincia de Ourense, pecharán os actos de homenaxe que a Deputación de Ourense organiza no centenario do nacemento deste galego universal “espallando pola provincia a súa obra”, dixo o autor do libro.

Artigos relacionados

Back to top button