CulturaCulturaÚltima hora

Remata a rodaxe da serie “Rapa”, cuxo produtor executivo é o valdeorrés Alfonso Blanco

 

O Teatro Jofre de Ferrol acollía neste martes o acto de remate da rodaxe en Galicia da serie “Rapa”, cuxo produtor executivo é o valdeorrés Alfonso Blanco “Fosco”. Trátase da nova produción coa que Movistar+ e a empresa galega Portocabo, agardan reeditar o éxito da súa premiada “Hierro”. Trátase, ademais, da primeira proposta realizada ao abeiro do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta e, en concreto, do seu fondo para a atracción de rodaxes.

O acto contaba coa asistencia de Ángel Mato Escalona, alcalde de Ferrol; de Pepe Coira, co-creador de “Rapa”, de Alfonso Blanco ‘Fosco’ e do elenco galego da serie: Lucía Veiga, Eva Fernández, Ricardo de Barreiro, Mabel Rivera e Toni Salgado. Tamén acudía o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

A serra da Capelada é o escenario natural desta serie de seis episodios, que ten prevista a súa estrea na primavera de 2022. A historia dá comezo durante a celebración da rapa das bestas, cando ten lugar un crime que Maite, a sarxento da Guardia Civil, intentará resolver coa axuda de Tomás, un profesor frustrado.

Pepe Coira e Fran Araújo son os creadores desta nova proposta televisiva, que dirixe Jorge Coira e conta con Alfonso Blanco, de Portocabo, na produción executiva. En canto á interpretación, Javier Cámara e Mónica García encabezan un elenco cunha importante representación galega, con nomes como Lucía Veiga, Eva Varela, Toni Salgado, Berta Ojea, Iria Sobrado, Tito Asorey, Ricardo Barreiro ou Mabel Rivera, entre outros.

Fotos: Jorge Olmedo.

Artigos relacionados

Back to top button