En portadaÚltima hora

Remata a rodaxe en Ourense do filme “Cuñados”, do produtor valdeorrés Alfonso Blanco

Esta comedia, protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Fede Fernández; estrearase nas salas de cine a primeiros de 2021

Rodaxe do filme “Cuñados” en Ourense./ Foto: Jaime Olmedo.

 

A produtora Portocabo, que dirixe o valdeorrés Alfonso Blanco “Foco”, vén de finalizar a rodaxe da película “Cuñados” en distintas localizacións da provincia de Ourense, iniciada a mediados o pasado mes de agosto. Trátase dunha comedia familiar, que xira arredor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. O filme está protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Fede Pérez, acompañados, entre outros, polas actrices Eva Fernández, Iolanda Muíños, María Vázquez e Mela Casal.

O produtor executivo do filme e director de Portocabo, Alfonso Blanco, destaca “a colaboración de todas as entidades que participaron nesta rodaxe, así como a implicación de todo o equipo e provedores”, e agradece á veciñanza de Ourense “o bo trato recibido nos distintos lugares onde se filmou Cuñados”. Paisaxes da comarca do Ribeiro e de Allariz, xunto con San Cibrao das Viñas e a propia cidade das Burgas foron os escenarios deste filme ambientado no mundo das adegas de viño ourensás.

 

Alfonso Blanco | Autoría: Jaime Olmedo/Movistar +

 

“Cuñados” supón o salto á longametraxe de Toño López, quen, tras dirixir exitosas series como “Auga Seca”, “Luci” ou “Matalobos”, asume nesta ocasión a dirección desta comedia galega. Á fronte do resto do equipo técnico atópanse profesionais do audiovisual como galego como o valdeorrés Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario).

Estrea nos cines a primeiros do 2021

“Cuñados”, que se estreará en cines nos primeiros meses do 2021, forma parte do grupo de películas seleccionadas na segunda mesa de valoración de cine de RTVE para este ano e conta tamén coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a participación da TVG e a colaboración da Deputación de Ourense. A distribución correrá a cargo de Filmax, que tamén vai xestionar as vendas internacionais.

Este verán a produtora finalizou así mesmo a gravación da segunda temporada da multipremiada coprodución televisiva “Hierro” (Portocabo, Movistar+, Atlantique, ARTE) en Canarias, ao tempo que se atopa avanzando en varios proxectos en fase de desenvolvemento.

Artigos relacionados

Back to top button