ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Remata o obradoiro de emprego “Emprende”

A entrega de diplomas aos alumnos da Rúa, Petín, Larouco e Vilamartín tiña lugar no Concello da Rúa

Coa entrega de diplomas aos alumnos participantes, remataba o módulo de xardinería do obradoiro de emprego “Emprende” posto en marcha en agosto de 2014 conxuntamente polos concellos da Rúa, Petín, Larouco e Vilamartín de Valdeorras.

As vinte persoas dos catro municipios, asistían ao acto que tiña lugar na mañá do 11 de febreiro de 2015 no salón de plenos do Concello da Rúa. Alí, os alcaldes dos municipios (Avelino García, Miguel Bautista, Joaquin Prieto e María Jesusa Candal) acopañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, entregaban os documentos que acreditan o certificado de profesionalidade.

O alcalde da Rúa Avelino García, asegurou que este foi “un obradoiro rendible co que se puderon facer moitas cousas”, esperando que “sexa produtivo para os participantes, e que lles sexa máis doado atopar un posto de traballo”.

Durante os seis meses que durou este programa mixto de formación e emprego, os alumnos recuperaron e acondicionaron no concello da Rúa a zona do parque infantil en Somoza e a súa contorna, os arredores da capela de Vilela, o parque municipal de Fonte e O Xestal. En Petín os alumnos deste obradoiro recuperaron as contornas dos centros sociais de Mones e Carballal, amais de acondicionar o espazo do antigo vertedoiro de Santa María. Polo que respecta ao concello de Vilamartín de Valdeorras, traballouse na zona das piscinas municipias e a zona do Bañadoiro. Por último, os desempregados que participaron neste programa mixto de formación e emprego executaron labores de xardinería na Aula de Natureza existente en Freixido (Larouco).

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button