OurenseÚltima hora

Remata o programa “Cultura Rexenerativa”, o voluntariado ecosocial intensivo, no Pereiro de Aguiar

 

Tras 45 intensos días de actividades, na xornada deste xove 10 de xuño, remataba o proxecto de educación non-formal “Cultura Rexenerativa”, da asociación Sustinea, co programa de voluntariado do “Corpo Europeo de Solidariedade”. Un mes e medio, desde o 26 de abril ata hoxe, no que mozos  portugueses, galegos e españois crearon unha interesante comunidade xunto á veciñanza de Ordelles, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar.

Durante este voluntariado, foron numerosas as actividades que os mozos levaron a cabo. Desde o deseño e a plantación dun bosque comestible que promove a biodiversidade dos ecosistemas para o futuro ata a realización do proxecto “Bibliotecas Vivas”, recuperando a memoria dos maiores de Ordelles e expoñéndoas en diferentes formatos: vídeo, ilustracións, textos, fotografías… que máis tarde se compartiu coa veciñanza e co Concello do Pereiro de Aguiar. Tamén plantaron bancais de horta ecolóxica como mostra de como cultivar con principios de permacultura ás xóvenes participantes; levaron a cabo unha acción de aRtivismo nas rúas ourensás coa colocación de hoteis de insectos, como reclamo para  recuperar os espazos verdes para os polinizadores; entre numerosas actividades e obradoiros de autosuficiencia, de productos naturais, comunicación nonviolenta, permacultura, enerxías e sostibilidade, de arte, etc.

Con todo, o máis desafiante para o grupo foi “lograr unha cultura de paz, un marco colectivo inclusivo e unha convivencia harmoniosa entre xoves con diferentes situacións vitais, idades, coñecementos, habilidades e capacidades, favorecendo a intelixencia colectiva”, expican dende Sustinea, asegurando que grazas a este tipo de proxectos “comprobamos como grupos de xoves desenvolven competencias transversais e adquiren ferramentas persoais, sociais, ambientais e profesionais, a través da educación non-formal propia destes programas solidarios, acompañando ás persoas participantes cara unha cultura rexenerativa a todos os niveis, tan necesaria e urxente en tempos de desconexión,  desigualdade, discursos de odio, esgotamento dos recursos naturais e abandono do rural”.

Fotos: Sustinea.

Artigos relacionados

Back to top button