Concellos

Rematan os traballos de rehabilitación da pista de recreo do CEIP Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives

As obras consistiron na colocación de cubrición e executáronse aproveitando o período non lectivo dos meses de verán

Os traballos de colocación de cubrición na pista de recreo do CEIP Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives xa están rematadas. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, executou a obra, aproveitando o período non lectivo dos meses de verán. Así, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial de Educación, Luz Fernández Quintas, desprazáronse hoxe, día 23 de xullo, ata este centro educativo para comprobar o remate dos traballos.

 

Durante a visita de Marisol Díaz e Luz Fernández ás instalacións.

 

A actuación responde á necesidade de cubrición da pista debido á altitude deste concello, onde as temperaturas son extremas tanto polo calor do verán como polo frío do inverno. Esta climatoloxía afecta especialmente ás actividades de Educación Física, deportivas e lúdicas dos alumnos, polo que a cubrición dun espazo destinado a estes usos resulta necesario para poder desenvolver as citadas actividades con regularidade no exterior.

Estes traballos desenvolvéronse cun custo cifrado en 146.986 euros. A cuberta que se instalou xera un espazo protexido da choiva como patio do centro escolar e para a realización de actividades deportivas. Resolveuse con estrutura metálica, piares, vigas e correas, e cubrición de panel sandwich metálico. Así, Díaz Mouteira explicou que esta obra se  executou ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM).

Artigos relacionados

Back to top button