DeportesÚltima hora

Renovado o convenio entre o Concello de Quiroga e a Federación Galega de Voleibol

Publicidade
Sinatura do convenio por parte do director técnico da FGV, Juan Carlos Suárez e do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez./ Foto cedida.

 

Dende que no ano 2018 o Concello de Quiroga asinara un convenio de colaboración coa Federación Galega de Voleibol, a vila lucense acolleu a realización de numerosas actividades de tecnificación, supervisión e control, dando un paso máis na promoción deste deporte de equipo. Visitas da selección galega de voleibol que se viron reducidas na tempada 2020/2021 debido á pandemia de Covid-19.

Recuperada xa a normalidade e a actividade deportiva, Concello e Federación veñen de ratificar a súa colaboración para continuar o desenvolvemento do deporte na comunidade lucense, asinando a renovación do convenio para a tempada 2022/2023.

A sinatura tiña lugar no mediodía deste mércores 15 de xuño no Concello de Quiroga, nun acto ao que asistían o alcalde Julio Álvarez, o concelleiro de Deportes Andrés Novoa e o director técnico da FGV Juan Carlos Suárez quen asegura que Quiroga é unha ubicación recurrente para eles debido “ás facilidades que tanto en instalacións coma en aloxamento proporcionaba aos eventos de tecnificación, xa que pavillón e albergue están moi próximos”.

Con este convenio, a Federación asegura a celebración de concentracións das Seleccións Galegas de cara a súa preparación para os Campionatos de España de Selecciones Autonómicas, así como para diferentes proxectos relacionados co voleibol como as xornadas de supervisión e control “que conlevan un custe e que serán de balde para os deportistas quirogueses, grazas a este convenio”, puntualiza Juan Carlos.

Fieis a este compromiso, os vindeiros días 25 e 26 de xuño ás seleccións cadete e infantil, realizarán en Quiroga a derradeira concentración antes de partir cara o CESA que se celebrará do 30 de xuño ao 3 de xullo en Valladolid e que proximamente coñecerán os seus rivais na fase de grupos.

Dende a Federación Galega de Voleibol destacan a “inmellorable resposta e trato por parte do Concello de Quiroga”, agradecendo “a súa boa disposición e axuda para que os nosos/as deportistas poidan mellorar tanto no aspecto deportivo como persoal, desexando que esta colaboración se siga afianzando nos vindeiros anos”.

Artigos relacionados

Back to top button