ConcellosÚltima hora

Renóvase o albergue de Celeiros (Chandrexa de Queixa)

A actuación de mellora realizada nesta instalación supuxo un investimento duns 48.400 euros

O albergue de Celeiros (Chandrexa de Queixa) é un inmoble pertencente ao poboado que construíu a empresa Saltos do Sil na década dos anos 50 do século pasado. No ano 2000 pasou a ser de titularidade municipal destinándose a albergue turístico. Esta infraestrutura responde á demanda de aloxamentos que hai na zona xa que o municipio, emprazado no macizo central da provincia, cada vez é cada vez máis visitado por atoparse rodeado de natureza. O concello conta con numerosas rutas de sendeirismo e unha zona de baño no encoro de Chandrexa de Queixa, a poucos metros do albergue e, ao mesmo tempo, o concello é zona de paso para turistas e afeccionados ao esquí que visitan a Estación Invernal de Manzaneda, tanto no verán como fundamentalmente en inverno.

Nestas instalacións vén realizarse unha remodelación. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, supervisaba na mañá do 30 de xaneiro as obras executadas neste albergue en virtude dun convenio asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello, por un importe de 48.400 euros.

Na visita Díaz Mouteira estivo acompañada, entre outras persoas, pola xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, Sandra Quintas Vázquez. Ambas comprobaron, xunto co rexedor, os traballos da actuación que consistiron na renovación completa da estrutura de cuberta a catro augas. Dado o estado ruinoso que presentaba a estrutura de madeira de cuberta, procedeuse a súa demolición, eliminando aquelas partes de teitos interiores necesarias para elo, e colocouse lousa con illamento térmico intermedio. Ademais, renovouse a impermeabilización da cuberta plana emprazada ao sur mediante un mortero. O proxecto executado tamén incluíu a instalación de pluviais con canalóns e baixantes en aceiro inoxidable mate e remates de faldóns en zinc.

A delegada territorial salientou o compromiso da Xunta co impulso turístico dos concellos a través de convenios e numerosas liñas de axudas convocadas anualmente polo departamento autonómico de Turismo, estando en tramitación as correspondentes á convocatoria deste ano.

Artigos relacionados

Back to top button