PolíticaÚltima hora

Reparto de responsabilidades no grupo parlamentario do BNG

A deputada ourensá Noa Presas vai ser a responsable desta formación na área de Industria e Enerxía na Cámara galega
Reunión do novo grupo parlamentario do BNG na Cámara galega.
Reunión do novo grupo parlamentario do BNG na Cámara galega.

A estratexia de traballo do novo grupo parlamentario do BNG na Cámara galega centrarase nun dobre obxectivo: “mellorar a vida dos galegos/as trasladando ao lexislativo propostas para resolver os problemas reais da maioría social e traballar para consolidar un proxecto nacionalista que sexa alternativa ao PP”. Así o aseguraban os seus integrantes tras a xuntanza que mantiñan na mañá do 10 de outubro.

“A nosa función é ser catalizadores das preocupacións da sociedade e sobre todo das propostas para mellorar a situación económica, a situación dos servizos públicos, de emerxencia social. A nosa estratexia é a da defensa dos intereses de Galiza e dos galegos e das galegas”, sinalaba a portavoz nacional, Ana Pontón. E nese mesmo sentido adiantaba que o BNG vai apostar polo diálogo. “As coincidencias que se podan dar no Parlamento teñen que vir porque haxa posibilidades de sacar adiante cuestións específicas que beneficien ao país, desde o diálogo, como é lóxico, escoitándonos, pero tamén sabendo que somos proxectos políticos diferentes. En todo caso, na defensa dos intereses de Galiza, o BNG sempre vai ter a man tendida”. E indicaba que o BNG vai levar adiante un traballo de oposición marcado polo “optimismo” e desde a “solvencia e experiencia acumulada” dun proxecto nacionalista necesario para o país.

Dende o grupo parlamentario do BNG darase traslado á Executiva nacional da formación da proposta de reparto de responsabilidades. Así, Ana Pontón asume a portavocía na Cámara ademais das áreas de Economía, Igualdade, dereitos democráticos e autogoberno. Olalla Rodil levará a primeira vice portavocía así como as responsabilidades sobre Ensino, Cultura, Lingua e control da CRTVG; Montse Prado ocupa a segunda vice portavocía, asume a responsabilidade de coordinación do traballo do grupo e as áreas de Sanidade, Servizos Sociais e Pesca.

O deputado Xosé Luís Rivas, Mini, pasa a ser o portavoz en Medio Rural, mentres que a ourensá Noa Presas vai ser responsable de Industria e Enerxía, e Luís Bará asume a portavocía para Territorio, Medio ambiente e Institucional. Con respecto á conformación da Mesa como órgano de goberno da Cámara, Pontón comentaba que sería positivo que recollera a “pluralidade” do hemiciclo que non existiu na pasada lexislatura, pero que iso depende da vontade dos grupos parlamentarios. En todo caso, “a nosa preocupación non son os cargos na mesa senón o traballo de oposición, as iniciativas que presentemos e reformar o proxecto político do nacionalismo”, explicou.

Artigos relacionados

Back to top button