SanidadeÚltima hora

Representantes autonómicos e municipais visitan o novo edificio do CHUO

Dende o Sergas esperan que en outubro esta unidade acade a súa plena ocupación
Os representantes políticos estiveron acompañados polos responsables clínicos.

Os membros da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, xunto con representantes de todos os grupos municipais da cidade, visitaron hoxe, 21 de setembro, o novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, para coñecer as súas instalacións “e recibir información de primeira man, por parte dos técnicos e responsables clínicos, dos proxectos de innovación que se desenvolverán nel”, explicaron dende o Sergas.

Deputados e concelleiros dos grupos Popular, Socialista, En Marea, BNG e Democracia Ourensana, foron recibidos polo xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, e polo xerente da EOXI ourensá, Dionisio López Bellido, que os acompañaron nun percorrido polas instalacións e lles explicaron “os máis de 24 primeiros proxectos de I+D+I previstos, que teñen como nexo de unión mellorar a atención sanitaria dos pacientes, co foco posto na modernización dos procesos asistenciais relacionados con envellecemento e cronicidade”.

Segundo destacou o responsable da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, Dionisio López Bellido, o obxectivo é centrar a asistencia na poboación real de Ourense, “procurando e testando novas fórmulas asistenciais, adaptadas ao envellecemento, protagonista do día a día asistencial, na procura non só de curar, senón de manter a saúde e promover e protexer a autonomía e capacidade funcional da maioría dos pacientes da provincia”.

O propio xerente destacou que xa se está a avanzar na licitación da nova cociña central “que abastecerá a todo o complexo”, dixo, e que incluirá un novo equipo de liña quente como a actual, complementado con novos equipos que permitirán adoptar o modelo de liña fría para determinadas preparacións “mellorando así a trazabilidade e programación, sempre con persoal propio”, dixo Bellido. Este novo edificio recibirá, segundo o previsto, os primeiros pacientes a finais de setembro “unha vez xa concluídos os traballos de instalación do novo equipamento, probas e conexión dos equipos informáticos”, aclaran dende o Sergas, que esperan que acade a súa plena ocupación en outubro.

As opinións de Noa Presas (BNG) e Noela Blanco (PSdeG-PSOE) tras a visita, nesta ligazón:

BNG e PSdeG critican que a Xunta non abrise o novo Hospital de Ourense en setemrbro “tal e como prometeron”

 

 

Artigos relacionados

Back to top button