DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Repulsa na Rúa contra as trampas para bicicletas e motos

Preto de duascentas persoas concentrábanse na praza do Concello rues para denunciar este acto delictivo nos montes da zona

Preto de 200 persoas concentrábanse na tarde do sábado 11 de abril na praza do Concello da Rúa para “demostrar de forma pública e conxunta a nosa condena a uns feitos delictivos: a colocación de trampas para vehículos nos montes da zona”. O que fala é o presidente do Club BTT Jabalíes da Rúa o que ten maior número de socios involucrados de forma directa nos feitos, como portavoz non oficial de tódolos preocupados co que está sucedendo na zona.

Os feitos aos que fan referencia, son a colocación “de alomenos 5 trampas (paus e patacas armadas de clavos duns 12 cm) durante a ponte de Semana Santa en diferentes camiños de monte dos Concellos de Quiroga, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa”. Trampas que “estaban colocadas ben camufladas no chan, en costas con moitísima pendente e algunha con precipicio a escasa distancia do seu lugar de colocación, que foron encontradas por persoas que ían paseando a pé, en bicicleta e en moto”.

A concentración ten unha natureza de condena pero podería ser de dor, rabia e loito no pobo se alguén houbese caído nunha delas.”Dor e loito porque alguén se cre con dereito ou razóns para colocar esas trampas”, continuaba o manifesto engadindo que “é terrorífico, e así o sentimos en especial os que estes días seguimos saíndo de paseo polos nosos montes”.

A concentración á que asistiron veciños do pobo e sobre todo ciclista de diferentes clubs especialmente da Rúa e do Barco de Valdeorras, remataba coa petición “ao culpable destes feitos de que cese no seu comportamento. Que o faga antes de que o dano que está buscando provocar sexa irreversible”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button