En portadaÚltima horaVídeos

Rescatan o corpo do operario falecido nunha canteira de Carballeda de Valdeorras

Precipitábase co camión que manexaba por un desnivel duns 500 m esta madrugada

 

 

Un traballador perdía a vida rozando a unha desta madrugada, despois de precipitarse o camión que manexaba polo desnivel dunha canteira, no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras.

Era un particular quen avisaba do suceso ao 112 Galicia, arredor das doce e media da noite, para alertar de que acababa de escoitar un forte estrondo e ver caer un camión pola pendente dunha canteira, no lugar de Castrelos, parroquia de Casaio.

 

 

“Inmediatamente, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia facilitáronlle os datos aos Bombeiros do parque comarcal e aos Bombeiros do GES de Valdeorras, aos axentes da Garda Civil e aos servizos sanitarios. Unha vez chegados ao lugar, os membros do GES confirmáronlle ao 112 que se trataba dunha zona de moi difícil acceso, ao ser unha pendente dunha canteira duns 500 metros de altura”, segundo informa o 112 Galicia.

 

 

Os medios de intervención traballaron no punto, varias horas, pero debido á perigosidade do lugar e ao risco de desprendementos, tiveron que parar e retomar as tarefas ao amencer. Así, á primeira hora da mañá, os Bombeiros de Valdeorras confirmaron a localización do corpo do traballador, polo que nada se puido facer por salvarlle a vida.

A causa do complicado acceso ata a zona do suceso, desde o 112 Galicia tamén se informou a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, por se fose precisa a mobilización dun helicóptero de rescate.

 

 

Arredor das 11:30h. os equipos de emerxencia rescataban o corpo do traballador falecido. No lugar estaban os Bombeiros do GES Valdeorras, os bombeiros do parque comarcal e a Garda Civil, así como o Equipo de Montaña da Garda Civil de Trives. Nos labores de rescate tamén colaboraba o persoal da empresa.

Debido ao risco de desprendemento da área, os labores dos equipos de emerxencias desprazados tiveron que ser interrompidos durante a noite e continuar ao amencer, segundo informa o 112 Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button