ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A residencia de Fátima do Barco homenaxea á súa patroa

Unhas 80 persoas, entre familiares e residentes, participan nos festexos

A residencia privada Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras vestiu onte, 13 de maio, as súas mellores galas para honrar e homenaxear á súa patroa. Unhas 80 persoas, entre familiares e residentes, participaron nos actos organizados pola entidade, que comezaron arredor do mediodía cunha misa solemne.

A celebración da liturxia foi trasladada finalmente ás instalacións da Capela do Centro, ante a ameaza da choiva, pois nun inicio contemplábase como escenario o xardín exterior da residencia. Pero iso non lle restou espectacularidade ao evento, que estivo acompañado coa música da charanga Los Bercianos, de Ponferrada.

Foron eles mesmos os encargados despois de amenizar os aperitivos, que se serviron para todos os asistentes no comedor da residencia, tras a finalización da misa. Alí déronse cita tamén os familiares que desexaron acompañar nun día moi especial aos máis de 70 maiores cos que conta actualmente a entidade.

A residencia, xestionada pola Fundación Benéfica Nosa Señora de Fátima, abriu as súas portas hai seis anos e ten capacidade para 200 persoas. Ofrece servizos especializados de atención sanitaria a través de profesionais médicos, psicólogos ou fisioterapeutas e desenvolve programas lúdicos co obxectivo de promover a participación comunitaria e de ocio. Nesta última liña, a entidade traballa para ampliar a súa oferta e e prevé incluír, a partir de setembro, unha actuación musical ao mes para contribuír á mellora da calidade de vida na terceira idade.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button