ConcellosEn portadaÚltima hora

Restáuranse e consolídanse chozos da guerrilla antifranquista na Cidade da Selva en Casaio

Esta intervención está sendo promovida pola Comunidade de Montes desta localidade e pola empresa Fraxil, en colaboración coa proxecto Sputnik Labrego

Labores de restauración. Foto: Sputnik Labrego.

 

A primeiros da década dos anos 40 os abruptos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) albergaban unha rede de campamentos da guerrilla antifranquista, organizados e ben estruturados, que eran coñecidos co nome de “Cidade da Selva”.

En xullo de 1946 un ataque da Garda Civil poñíalles fin e nel queimábanse os chozos de Morteiras, algo que permitiu a conservación arqueolóxica do seus materiais. Isto fixo posible que, máis de 70 anos despois, se puidese recuperar estes restos e tamén a memoria da comunidade local sobre estes sucesos da man dos membros do equipo de investigadores de Sputnik Labrego e á iniciativa da Comunidade de Montes de Casaio.

Tras os labores de prospección, as escavacións arqueolóxicas dos chozos e o estudo do material recuperado, agora estanse a realizar traballos de restauración e consolidación destas estruturas co fin de poñelas en valor para o público. Neste senso, a intervención está sendo promovida pola Comunidade de Montes de Casaio contando cos servizos da empresa de restauración de Santiago de Compostela FRAXIL e coa colaboración do proxecto Sputnik Labrego.

 

O chozo do Teixadal, despois da consolidación./ Foto: Sputnik Labrego.

 

“Estas estruturas estaban nun estado moi delicado e, sobre todo, perigoso para a súa visita. Coa consolidación logramos que poidan ser visitados no futuro”, tal e como indica Yolanda Porto, restauradora de FRAXIL. Concretamente, nesta campaña consolidáronse dous chozos no val das Morteiras e o coñecido chozo da guerrilla do Teixadal de Casaio, un dos bosques de teixos máis destacados de Europa occidental. Estes chozos foron xa escavados no verán do 2018 e xeraron unha importante cantidade de obxectos vinculados á guerrilla que despois foron expostos tanto en Casaio como no Barco de Valdeorras.

Esta consolidación dos chozos é un primeiro paso dentro dun ambicioso proxecto de posta en valor patrimonial das paisaxes da guerrilla antifranquista da “Cidade da Selva”. Este proxecto, que se porá en marcha nun futuro próximo, pretende crear rotas de sendeirismo e incluso un centro de interpretación para coñecer en profundidade a loita antifranquista.

“É o primeiro proxecto de patrimonalización enfocado a un pasado moi cercano, mais fundamental para comprendérmonos na actualidade”, sinala Carlos Tejerizo, director do Sputnik Labrego, “esta consolidación, ademais, baséase nos resultados das nosas campañas de escavación, grazas á iniciativa da Comunidade de Montes de Casaio”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button