OurenseÚltima hora

O Inorde terá en Xantar “un menú premium a prezo de hamburguesa”

A oferta, que custará 14 euros, oferta carne Selecta de Coren, castañas da IXP Castaña Galega e do Grupo Cuevas e viños do Grupo Reboreda Morgadío
Julio Barros, Mayte González, José Manuel Rodríguez ,Ana Méndez e Alejandro Rubín. / Foto: Carlos Asensio.

O restaurante do Inorde vai presentar no décimo noveno Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que se vai celebrar en Expourense do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro, un menú “premium a prezo de hamburguesa”. Así o presentou o presidente desta institución provincial, José Manuel Rodríguez, na rolda de prensa celebrada hoxe, 25 de xaneiro, no salón de exposicións da capital.

En concreto, os encargados de achegar a materia prima deste menú “quilómetro cero”, dixo Rodríguez, son Coren, o Grupo Cuevas e o Grupo Reboreda Morgadío. José Manuel Rodríguez explicou que que o quilómetro cero é porque “o produto é 100% ourensán de empresas ourensás”. Asemade, reiterou que, será cociña tradicional e “sen moita condimentación” para que sexa “o máis premium posible”.

Como anfitrión deste acto estivo Alejandro Rubín, director xerente de Expourense; Mayte González, xerente de Marrón Glacé do Grupo Cuevas; Julio Barros, do Grupo Coren; e Ana Méndez Gil, directora de Exportación do Grupo Reboreda-Morgadío.

E, para poder ser un menú “quilómetro cero” volven contar coa IXP Castaña de Galicia, que “aporta un selo de calidade” coa valorización deste produto e “contribuímos a valorizar un sector protexido”, asegurou Mayte González, xerente de Marrón Glacé do Grupo Cuevas.

Así, o restaurante do Inorde vai ofertar unha proposta a 14 euros que arranca cun entrante de Xamón Selecta de Coren “alimentado con castañas e criado ao aire libre”, explicou Julio Barros, representante da empresa. A isto séguelle unha táboa de embutidos de porco e unha empanada de polo de curral “tamén criado ao aire libre”, resaltou Julio Barros.

No primeiro prato poderase elixir entre os callos desa raza selecta de porco ou do anaco de bosque cunha crema de grelos con xamón e castañas. O segundo prato a degustar trae Carrilleiras Selecta con puré de patacas e castañas achegada pola IXP Castaña Galega.

Para a sobremesa o Grupo Cuevas trae as súas castañas con xenxibre con iogur e lima. Acompañadas con orellas e licor.

Como acompañante, pan de Cea e todo isto maridado con viños do Grupo Reboreda Morgadío da D.O. Ribeiro.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button