SanidadeÚltima hora

Restricións de mobilidade perimetral nas 7 grandes cidades galegas e na súa contorna

Así o vén de anunciar o conselleiro de Sanidade tras a reunión do subcomité clínico celebrada esta mañá

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao inicio da rolda de prensa sobre os acordos tomados no subcomité clínico, xunto ao xerente do Sergas, José Flores, e á directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo

 

Ante a evolución das cifras do Covid-19 en Galicia, a Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento de novas medidas de restrición da mobilidade nas sete cidades galegas e na súa contorna, as que ademais hai que engadir á limitación de xuntanzas entre persoas conviventes en 14 concellos.

Así, despois da xuntanza deste mañá do Subcomité clínico que fai seguimento á evolución do Covid-19 en Galicia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou do conxunto de medidas adoptadas para conter a expansión do virus na nosa comunidade, destacando que desde as 15h deste mediodía se establecerá unha restrición perimetral de desprazamentos entre algúns concellos.

Neste senso, a mobilidade de persoas ficará restrinxida aos perímetros conformados polos seguintes grupos de concellos: Santiago, Ames e Teo; Ferrol, Neda, Fene e Narón; A Coruña e Arteixo; Pontevedra, Poio e Marín. Así mesmo, tampouco estarán permitidas as entradas e saídas nos núcleos de poboación de Vigo, Lugo e Vimianzo.

Xunto coas limitacións nos desprazamentos, García Comesaña subliñou que os concellos de Ames, Teo, Ferrol, Narón, Fene, Neda e Vimianzo pasan ao nivel 3 de restricións e que, adicionalmente, soamente se poderán establecer reunións entre conviventes neste concellos.

Esta mesma restrición das xuntanzas entre persoas que vivan no mesmo domicilio tamén se aplicará noutros concellos que arestora se atopan en nivel 2 de restrición, como son os concellos da Coruña, Arteixo, Pontevedra, Poio, Marín, Vigo e Lugo.

Durante a súa intervención, García Comesaña sinalou que malia á “boa evolución que está a ter a situación epidemiolóxica na provincia de Ourense, o Subcomité clínico decidiu manter unha semana máis as restricións vixentes nos diferentes concellos ourensáns”.

O responsable de Sanidade, apuntou que este novo paquete de medidas insírense dentro da carácter especial que ten o Día de Defuntos en Galicia, unhas datas nas que se multiplican os desprazamentos na nosa comunidade. Así, animou á poboación a restrinxir ao máximo as interacción sociais.

As medidas referentes á limitación de mobilidade perimetral e a restrición de xuntanzas entre conviventes entrarán en vigor desde as 15 h. deste mediodía. No caso das medidas que modifican os límites dos aforos nos concellos, a súa publicación, terá lugar mañá no Diario Oficial de Galicia.

As medidas establecidas esta mañá, estarán vixentes até o vindeiro martes día 3 de novembro, data en que o Comité clínico voltará a reunirse e avaliará se é precisa a súa continuidade.

Artigos relacionados

Back to top button
Close