En portadaÚltima horaVídeos

Retazos da vida e historia de Luis Nogueira, nunha fermosa exposición en Vilamartín

A mostra, creada en homenaxe ao atleta falecido hai un ano, poderá verse ata o mes de setembro no Centro Sociocultural Santa Lucía

 

Dende onte e ata primeiros de setembro, o Centro Sociocultural Santa Lucía, en Vilamartín de Valdeorras, acolle unha exposición moi especial. A que rende homenaxe a Luis Nogueira, o coñecido lanzador de xavelina natural de San Vicente de Leira, que falecía o pasado ano. A que ofrece un paseo pola vida, historia e paixóns deste deportista, afeccionado á lectura, á escritura, á fotografía,… amante da súa terra, da natureza, de conectar coa xente… Experiencias das que proceden as fotos e os escritos que se amosan e que pretenden reflectir o seu modo de ser e vivir, tal como explican os promotores da exposición.

Luis era unha persoa tan coñecida como querida, polo que non é de extrañar o elevado número de persoas que quixeron participar na exitosa inauguración que se celebraba na tarde do venres 12 de agosto da man de Ramona Iglesias que leva consigo “a condición de ser a viúva de Luis Nogueira”. Con esta presentación, Ramona daba a benvida aos asistentes á exposición que amosa o modo de vida “dunha persoa alegre, optimista, activa, exploradora incansable de espazos pequenos e cercanos que voltaba aos recunchos unha e outra vez”, de aí que a exposición esté en Vilamartín, no seu concello. Luis era tamén unha persoa dunha curiosidade inmensa que o adentrou na fotografía, na escritura e no deporte fóra dos circuítos académicos, “foi un autodidacta”, dixo Ramona, lembrando que no ámbito deportivo no que tanto destacou el era o seu propio adestrador.

 

O concelleiro de Vilamartín Juan Enrique Guntiñas e Ramona Iglesias na inauguración.

 

“Luis tiña unha mirada limpa, fresca, brillante, arrebatadora imposible de ignorar”, asegurou Ramona, adiantando que “aquí temos algunhas das súas fotos que tamén son as súas miradas” así como algún dos seus innumerables escritos “pensamentos plasmados en anacos de papel, onde cadrara, así como obxectos da súa exitosa carreira deportiva”. Retazos dunha vida plena cuxo destino, tal como reza o título da exposición, era chegar a ser o que foi.

Quen o coñecía pode recrearse e lembralo a través desta mostra e quen non o coñeceu en vida ten a oportunidade de facelo, polo menos un pouco. Foi o que lle pasou a Verónica Vieira, deseñadora gráfica que colaborou cos familiares e promotores co deseño e dirección de arte da exposición, quen aseguraba que Luis é coñecido por numerosas facetas e cualidades e ela tivo a oportunidade de coñecelo polas súas historias, pola súa conexión co rural, coa natureza e a necesidade de plasmalo e amosalo. “Neste campo, foi moi doado conectar con él, a súa paixón é palpable en cada fotografía, en cada palabra; hai moito que aprender e ver en cada unha delas. Luis destacaba a importancia das pequenas cousas cotiás que el fixo verdadeiras protagonistas”, dixo, aconsellando aos asistentes que aprendan “desta maneira sinxela de desfrutar o valor das cousas que nos rodean; paseade nesta exposición xunto a Luis polas súas historias, agora nosas”.

 

Verónica Vieira, a deseñadora gráfica que colaborou no deseño e dirección de arte da exposición.

 

Con respecto á exposición, que en principio poderá verse visitarse de 19 a 21h horas de luns a venres, está pensada tal como explicou a propia Verónica, para ser percorrida a primeira vez de esquerda a dereita, sendo o seu fío conductor as historias da natureza, do rural e das persoas e animais que as habitan. Empezando pola zona persoal da súa patria, cunha breve biografía acompañada polas súas fotografías da terra que o formou: San Vicente, cun escritorio con obxetos persoais, en representación das horas que pasaba lendo, escribindo e coas súas fotografías. A continuación hai unha serie de pequenas fotografías, como resumo dalguns dos momentos da súa vida, dando paso ás súas fotografías sobre a natureza, montañas, auga, paisaxes cheos de aire e paz.

De fronte, está a zona máis íntima cos textos de Luis, algúns deles, acompañando e complementando a fotografías; e os vídeos coas súas historias contadas de viva voz que serán reproducidos en bucle. Despois están as fotografías dos primeiros planos, para aprezar a importancia e beleza das pequenas cousas. Para rematar coas fotografías está a zona das árbores, fieis e importantes protagonistas das súas historias, nas que se pode admirar a beleza na variedade de composicións, luces e formas. Por último, está a zona deportiva chea dalgúns dos seus obxetos persoáis, entre eles a súa xavelina Sildoura 2, e a antorcha Olímpica do 92.

Con respecto ás visitas, o concelleiro de Vilamartín, Juan Enrique Guntiñas, presente na inaguración, asegurou que se alguén quere ver a exposición noutro horario pode poñerse en contacto co Concello. Proximamente a mostra estará tamén no Barco de Valdeorras.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button