ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Retírase o primeiro niño de velutina na Rúa

A Vespa velutina segue dando mostras da súa presenza en Valdeorras. O 13 de xuño retirábase o primeiro niño primario desta especie invasora na Rúa. Estaba situado na parte exterior da ventana dunha casa da rúa Pontevedra (no entorno da praza de Galicia), no centro urbano desta localidade valdeorresa.

Na súa retirada interviñan o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) Valdeorras, así como Protección Civil da Rúa e tamén se achegaba ata o lugar o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores e o alcalde rues. “Tiña 65 larvas, un anel completo de ovos arredor, ademais de seis avespas nacidas e outra a punto. E xa estaban empezando a facer un segundo piso de celdiñas. O tamaño xa era máis grande que o dunha pelota de tenis”, explica o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez.

 

Imaxe do primeiro niño de velutina retirado na Rúa./ Foto cedida.

Sospéitase que a raíña de velutina que fixo o niño puido ter chegado ata A Rúa nun tren cargado de madeira, dada a proximidade da zona á estación de ferrocarril. “Temémonos que viñera no tren e seguramente levase aí máis de mes e medio, o que sucede é que o tempo frío que veu esta primavera restrasou o desenvolvemento do niño, senón seguramente xa tería o tamaño dun balón de balonmán”, engade Armando Rodríguez. Este niño súmase a media ducia deles atopados no Barco dende o 27 de abril.

Na retirada de niños primarios de velutina é moi importante a colaboración cidadá. Por iso recoméndase revisar galpóns, porches, garaxes e aleiros de tellados, lugares habituais onde crean os niños as raíñas destas avespas. Os niños son de cor marrón pardo e por cada un que se retire evítanse 50 niños no ano seguinte. Para a retirada dos niños hai que chamar ao 012 ou ao 112.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button