EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Retómanse as visitas escolares á Granxa Escola A Capilla de Lentellais

Alumnos do colexio de Sobradelo visitaban as súas instalacións na mañá do 29 de marzo

Co inicio da primavera e do bo tempo veñen de retomarse as visitas didácticas de escolares á Granxa Escola A Capilla de Lentallais (O Bolo). Así na mañá do 29 de marzo alumnos de infantil e primaria (de 1º, 2º e 3º) do colexio de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) achegábanse ata as súas instalacións.

Ao longo da visita os nenos descubrían de forma lúdica e divertida as diferentes partes desta explotación agrogandeira, na que se crían galos de Mos e cordeiros da raza ovella galega, así como o seu funcionamento. Vían os galos e tamén as ovellas e os cordeiros, e mesmo se achegaban e interactuaban cos animais, montando, por exemplo, no burro da granxa. E, como agasallo, cada un dos rapaces recibía un ovo con gran satisfacción.

Despois repoñían forzas comendo un bocadillo e aínda lles quedaba tempo para xogar nunha área habilitada para tal fin dentro da granxa. Dende A Capilla resaltan o gran interese que suscitan este tipo de visitas didácticas e, de feito, xa teñen reservas feitas de varios centros escolares, algúns deles da zona da costa galega.

A Capilla dispón ademais dunha zona de restauración na que os visitantes poden degustar pratos con produtos da propia granxa, reservando previamente. A idea é recoller o produto e elaboralo na cociña coa que conta esta explotación para despois saborealo nese mesmo entorno natural. 

Máis información e reservas:
605 09 03 422

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button