Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Retómase o programa “Andainas polo Val de Quiroga” co Camiño do Ferradal

Esta ruta, de 12 km de distancia, está prevista para o domingo 16 de maio

 

O Camiño do Ferradal, que vai dende Rugando ata Soldón, será o eixe da nova andaina que prepara a Concellería de Deportes de Quiroga de cara ao vindeiro domingo 16 de maio. Esta iniciativa enmárcase no programa de andainas que desenvolve este departamento municipal para dar coñecer as rutas homologadas que hai neste concello.

Trátase dunha actividade gratuíta e non competitiva para a que é preciso inscribirse previamente na Casa da Cultura a través do 982.43.51.25 antes do 14 de maio. As prazas están delimitadas entre 20 e 55. A ruta sairá ás 9h. da praza España de Quiroga.

O Camiño do Ferradal ten unha lonxitude de 12 km e descorre paralela ao río Soldón, con subidas e baixadas que fan que sexa de dificultade media e que o seu recorrido estea en torno ás catro horas de duración.

“Trátase dun antigo camiño polo que se traía o mineral de ferro dende as zonas altas ata as Ferrerías desta zona e que pasa por un paraxe no que as explotacións mineiras tiveron gran importancia, posto que a cova de Ricopete ou Pena Furada formaron parte dun canal romano para traer auga á zona mineira de Sequeiros”, segundo informa o Concello de Quiroga.

Este programa de Andainas polo Val de Quiroga púxose en marcha no pasado outono como alternativa á práctica deportiva que se viu paralizada pola pandemia sanitaria. No pasado outono recorréronse as rutas da Encomenda, da Conchada e do Río Quiroga; e este ano a primeira das rutas realizadas foi a do Xeoparque Montañas do Courel.

Artigos relacionados

Back to top button