CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“Retrincos do meu ser”, un canto á terra e ao corazón

O libro, escrito pola vianesa Nieves Fernández Vidueira, inclúe poemas e fotografías

“É muller, gandeira, escultora, deseñadora, fotógrafa, entroideira, nai, veciña e hoxe escritora”. Con estas palabras sobre a autora, comezaba en Viana do Bolo a presentación de Retrincos do meu ser, o primeiro libro da polifacética Nieves Fernández Vidueira. Un acto solemne e emotivo, “flor de pel como todo o que ela toca”, en palabras do presentador Óscar López, que tiña lugar na tarde-noite do 27 de abril nun abarrotado Salón de Plenos do Concello.

Alí, diante de familiares, amigos e veciños, o alcalde de Viana Secundino Fernández era o primeiro en intervir dando as grazas, aos presentes por asistir en masa a un acto cultural, e especialmente á autora do libro, tanto a nivel persoal como a nivel institucional. “Nieves foi das primeiras persoas que coñecín cando cheguei a Viana hai 15 anos polo que a considero unha amiga á que quero felicitar como unha persoa que admiro por ese traballo día a día, que é recoñecido e valorado pola veciñanza”. Como alcalde amosouse encantado pola “acollida desta faceta que ten Nieves de amosarnos a través das fotografías e da poesía, o descorrer da súa vida en Quintela do Pando (Viana do Bolo), sendo unha honra para o Concello a descrición que fai todos os días das paisaxes, o seu papel como gandeira, sendo seguidas por tanta xente”.

 

Un momento da presentación no Salón de Plenos do Concello de Viana.

 

Retrincos do meu ser é un libro de case 300 páxinas que combina poesía e fotografías, dúas das paixóns da autora. Trátase dun conxunto de poemas “xurdidos da terra e do corazón porque os versos deste libro están cheos de emocións”, en palabras de Carlos X. Ares, amigo de Nieves e estudoso das tradicións vianesas. Emocións xa dende a foto de portada “na que a autora deixa ver o que somentes intuímos cando cada mañá con puntualidade case británica nos agasalla cun dos seus poemas”. Emoción na contra na que o seu fillo define retrinco “e fala de arte en estado puro”. Emoción na introducción na que relata unha etapa da súa vida na que “a perda de seres queridos lle fixo ir tecendo e destecendo nas angustias da existencia”. Emoción na dedicatoria na que se rodea da súa familia, marido e fillo dos que di que obtivo “implicación, axuda e moito alento”.

 

Asistentes ao acto.

 

Calificando a Nieves Fernández como “a poetisa da natureza”, Carlos fixo fincapé no feito de que os versos están cheos de rebolos, de castiñeiros, de toxos e xestas, de regatos, pastos e montes así como do arrecendo das flores de primavera, “pero tamén de soños, penas, ledicias, amores desamores e feitos cotiáns”. Unha poesía escrita en galego, “brava, chea de sentimento que deixa mensaxes que chegan directamente á conciencia e corazón dos lectores”. Unha poesía comprometida, “coa terra pola que chora en tempos de sequía e coa que establece unha relación sostible, coas tradicións que respecta e valoriza, coa natureza da que nos fai partícipes sendo os seus versos as fiestras que se abren e nos obrigan a desfrutala, coas ovellas que se converten no latexo do seu corazón,…”

 

Nieves Fernández Vidueira co libro.

 

A encargada de pechar o acto era a propia autora, visiblemente emocionada e abrumada polas mostras de cariño. Ela mesma explicou que a obra que onte vía a luz en formato físico, comezaba a xestarse no ano 2013 cando os seus fillos lle regalaron un móbil con cámara “non saben o que fixeron”, dixo medio en broma, lembrando que pouco despois abríronlle unha conta en Facebook onde cada día ía publicando unha fotografía coa explicación en forma de rima. A primeira imaxe que subíu foi dun acivro e a partires de aí seguiu publicando. “Quen me ía dicir a min aquela tarde invernal no pico das bouzas o que estaba escribindo con tanto cariño chegaría a velo publicado neste libro. Imaxes da miña vida, a miña vida en imaxes”, dixo Nieves, lembrando á súa avoa cuxo espírito “vai en cada poema do libro, en cada paso que dou, en cada imaxe que saco e dentro do meu corazón”.

 

Portada do libro “Retrincos do meu ser”.

 

Antes de asinar os libros a todo aquel que os mercou tralo acto, Nieves entregou tres exemplares: un ao seu home, outro ao alcalde e outro a Carlos. Quen o desexe pode mercalo en diferentes puntos de Viana do Bolo (20 euros).

 

Nieves asinando exemplares do seu libro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button