EconomíaEconomíaÚltima hora

Reunión das asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Galicia co conselleiro de Cultura

No contexto do vindeiro Xacobeo 21, informouse dos pasos e proxectos que se están a pór xa en marcha, e “nos que os peregrinos e a cidadanía en xeral están chamados a participar activamente”

 

Un dos momentos da reunión.

 

Crear unha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos, ampliando así a fecunda colaboración desenvolvida entre a Xunta e o movemento asociativo xacobeo nos últimos anos en Galicia. É a proposta que facía o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na reunión que mantiña na mañá do 12 de decembro coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Galicia.

A xuntanza, que tivo como escenario a cidade de Pontevedra, persigue un triplo obxectivo. “Por unha banda, fomentar o coñecemento mutuo e o intercambio de impresións arredor da realidade actual da peregrinación xacobea. Ademais, busca avanzar nos compromisos do Plan Director do Camiño de Santiago, que conta con diversas medidas para a cooperación entre a administración e as asociacións de amigos do Camiño. Finalmente, no contexto do vindeiro Xacobeo 21, informouse dos pasos e proxectos que se están a pór xa en marcha, e nos que os peregrinos e a cidadanía en xeral están chamados a participar activamente”, segundo se indica dende a Consellería de Cultura.

Román Rodríguez salientou que o dinamismo actual da peregrinación e a revalorización que experimentou nas últimas tres décadas non se entenderían sen o traballo desinteresado dos colectivos xacobeos. Das máis de 300 asociacións repartidas por todo o mundo, unha vintena desenvolve o seu labor fundamentalmente en Galicia. Na antesala do Ano Santo, o conselleiro de Cultura e Turismo animou a incrementar a cooperación, ampliando deste xeito o alcance de iniciativas consolidadas como a convocatoria anual de axudas, dotada con 90.000 euros, das que deu conta a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou na xuntanza.

 

Os participantes na xuntanza, en Pontevedra.

 

Por iso, púxose sobre a mesa a posibilidade e ampliar os programas de voluntariado a través dos hospitaleiros nos albergues, dos que existen boas experiencias con gran aceptación entre os peregrinos, que valoran esta interacción e a tradicional hospitalidade brindada.

Na xuntanza, o titular de Cultura e Turismo estivo tamén acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, quen expuxo as liñas e obxectivos do programa O teu Xacobeo, unha convocatoria aberta de proxectos que se iniciará en 2019 co fin de que calquera persoa poida formular as súas propostas e proxectos de cara á celebración do Xacobeo 21.

Antes da xuntanza, os participantes, entre os que estaba a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, realizaron unha ofrenda floral na igrexa da Peregrina, un dos templos referentes do Camiño Portugués.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close