ConcellosOímbraSan Xoán de Río

Reunión de Ethel Vázquez cos 6 concellos que terán plans de abastecemento autónomo, entre eles Río

Na primeira semana de xullo comezarán os traballos de Augas de Galicia coas entidades locais para desenvolver os plans municipais de abastecemento autónomo, que suporán cun investimento da Xunta de 900.000 €

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a publicación no Diario Oficial de Galicia () da primeira convocatoria de axudas ás comunidades de usuarios de abastecemento para dispor de caudalímetros que midan as augas de consumo humano, dotada dun orzamento de 250.000 euros. O obxectivo á axudar ás agrupacións beneficiarias de traídas veciñais a detectar fugas de auga nas súas instalacións.

Así llo comunicaba a titular de Infraestruturas e Mobilidade no encontro mantido esta mañá en San Caetano, xunto co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, cos alcaldes dos concellos de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade, cuxos concellos foron seleccionados para a elaboración de Plans municipais de abastecemento autónomo.

Ethel Vázquez tamén abordou na reunión cos alcaldes dos seis concellos seleccionados para a elaboración de Plans municipais de abastecemento autónomo o detalle do procedemento e os pasos para desenvolver os traballos para a elaboración e implantación destes plans nos seus respectivos municipios, que suporán un investimento da Xunta de 900.00 euros.

O obxectivo destes plans é dotar ás entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable fóra das súas redes municipais e para que conten cun instrumento básico para planificar e priorizar as accións de mellora neste ámbito. Os traballos de Augas de Galicia coas entidades locais comezarán o vindeiro mes de xullo. A elaboración dos ditos plans realizaranse durante 18 meses, polo que se estima o seu remate en decembro de 2022.

Para levar a cabo esta iniciativa, o departamento que preside Ethel Vázquez lanzou o pasado mes de abril unha convocatoria para promover a implantación dos correspondentes plans municipais de abastecemento autónomo nun total de seis concellos. Entre as catorce expresións de interese recibidas desde os municipios, a entidade hidráulica da Xunta seleccionou os seis municipios considerados máis axeitados para o desenvolvemento dos plans, nos que se financiará a análise de 200 pequenos sistemas de abastecemento de auga de consumo.

Este programa é o resultado do desenvolvemento do proxecto europeo LIFE12 ENV/ERES/000557 Rural Supplies, promovido polo Concello de Abegondo, Augas de Galicia e a Consellería de Sanidade.

Fortalecemento das pequenas subministracións

A Xunta busca fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable, como modelo alternativo á municipalización dos servizos en poboacións moi pequenas e dispersas, que se demostrou, en xeral, moito menos eficaz para estes lugares.

Hai que ter en conta que actualmente en Galicia máis de 580.000 persoas, sobre unha poboación de 2,7 millóns, consumen auga a través de solucións autónomas. Un 10% dos galegos abastécese a través de redes veciñais e un 13% autoabastécese mediante pozos ou mananciais privados.

“A Xunta traballa en dúas liñas para o fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento. Por unha banda, apoiando economicamente ás comunidades de usuarios por medio da nova liña de subvencións que se iniciou o ano pasado, para mellorar instalacións e procesos que repercutan nunha maior garantía sanitaria da auga abastecida en traídas veciñais. Doutra banda, con este programa que pretende implicar en maior medida aos concellos, como responsables últimos do abastecemento nos seus municipios, e ás propias comunidades de usuarios de augas, por medio da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo”, tal e como apunta a administración galega.

Artigos relacionados

Back to top button