ConcellosO BoloÚltima hora

Reunión do alcalde de O Bolo co conselleiro do Medio Rural

Valoraron a posibilidade de promover na localidade diversos instrumentos de mobilización, ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en tramitación parlamentaria

O alcalde do Bolo, Manuel Corzo, na reunión co conselleiro do Medio Rural, José González.

 

A Xunta destina case 90.000 euros a mellorar as infraestruturas rurais do concello do Bolo. Así se puxo de manifesto na xuntanza que mantiveron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde deste municipio valdeorrés, Manuel Corzo.

No encontro abordábanse os traballos de limpeza e restauración da senda da Falcoeira que se están a executar ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) de 2020 por un importe próximo aos 29.000 euros, así como os máis de 25.000 euros concedidos na pasada edición do Plan de mellora de camiños municipais para o mantemento da vía de Entrambas Augas. A maiores, na presente convocatoria do Plan Marco O Bolo ten asignados preto de 34.000 euros máis.

No referente á posta en produción de parcelas abandonadas ou en estado de infrautilización, no encontro tratouse a posibilidade de promover no Bolo distintos instrumentos de mobilización, ao abeiro da futura Lei para a recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en tramitación no Parlamento. Nesa liña, José González apuntou como principal obxectivo o de impulsar a xeración de riqueza no rural a través de figuras como os polígonos agrarios, as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta.

Na xuntanza tamén participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez. Este último comprometeuse a visitar o municipio nos vindeiros días para comprobar o avance dos traballos preventivos que se están a levar a cabo na contorna e para facer seguimento dos labores desenvolvidos ao abeiro do convenio de protección das aldeas para xestionar a biomasa nas faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas.

Artigos relacionados

Back to top button