Eleccións Xerais 26-XGalerías de fotosPolíticaÚltima hora

Reunión dos candidatos socialistas cos sindicatos e empresarios de Valdeorras

Esta visita, na que tamén participaba Xoaquín Leiceaga, concluía cunha xuntanza no Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras en Vilamartín

Para coñecer de preto a realidade social, económica e empresarial de Valdeorras, os cabezas de lista do PSdeG-PSOE por Ourense ao Congreso e ao Senado, Rocío de Frutos e Luis García, respectivamente, visitaban a comarca e mantiñan unha serie de reunións na tarde do 13 de xuño. Nesta visita estaban acompañados polo alcalde do Barco, Alfredo García, e polo candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, entre outros representantes do partido.

Primeiro, ás catro e media da tarde, achegábanse ata o edificio sindical do Barco no que se reunían cos diferentes axentes sociais da comarca. Unha hora despois, mantiñan outra xuntanza cos representantes da Asociación Galega de Pizarristas (AGP) e coa Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) no centro de formación co que conta na vila barquense esta última entidade.

De seguido, Leiceaga daba conta en rolda de prensa das demandas que lles trasladaban. “Os sindicatos comentábannos, sobre todo, a necesidade de darlle un impulso a un tema que xa presentou Rocío de Frutos no Congreso dos deputados, que é o do recoñecemento da incapacidade permanente para a silicose de grao un na lousa. Como non houbo goberno, pois vai haber que volver a tratalo, xa que debe ter un recoñecemento diferente a efectos de xubilación. Este é un tema moi importante, pero tamén nos plantexaron algunhas outras cuestións relacionadas coas condicións de traballo, fundamentalmente, no sector da lousa”.

Xa no encontro cos empresarios, entre os asuntos que lles plantexaban estaban, entre outros aspectos, as comunicacións. “Tratamos diversos temas, tanto de infraestruturas en relación coa A-76, como tamén cuestións máis xenéricas relacionadas coa necesidade de impulsar a creación de empresas como unha vía de revitalización de comarcas como ésta, que depende da lousa e do viño pero que teñen a necesidade de ter un impulso económico moito máis intenso do actual e aí hai un encontro de posicións moi claro entre a nosa organización e os empresarios”.

O candidato socialista á presidencia da Xunta tamén se refería, neste cuarto día de campaña das eleccións xerais, ás enquisas. “Non só o penso eu que se van a equivocar, a verdade é que o contacto que estamos tendo coa xente indícanos que hai boas vibracións, que somos ben recibidos en moitos lugares, que nos ven como alternativa ao PP e eu creo que iso se vai traducir en que nós imos ser os que protagonicemos o goberno do cambio que España precisa e que Galicia tamén precisa”, aseguraba no Barco.

De seguido, os representantes socialistas dirixíanse ata a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en Vilamartín, onde se informaban sobre a realidade deste órgano réctor.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button