ConcellosÚltima hora

Reunión dos concellos afectados polos peches dos rexistros da propiedade coa Deputación

A institución provincial considera “inaceptable a supresión deste servizo baseado exclusivamente en número de asentos presentados ou en interinidades prolongadas na titularidade das prazas”
O vicepresidente da Deputación nun dos momentos da reunión cos alcaldes.

A Deputación de Ourense vén de amosar o seu apoio e “únese á desconformidade dos concellos da provincia afectados polo RD 195/2017 publicado no Boletín Oficial do Estado do 4 de marzo de 2017, polo que se modifica a demarcación dos Rexistros da Propiedade Mercantís e de Bens Mobles para acomodar a plantilla rexistral á realidade actual, reordenando territorialmente os rexistros existentes”, tal e como se facía público na mañá do 17 de marzo tras unha reunión do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, cos alcaldes de Viana do Bolo, Secundino Fernández; de Trives, Francisco José Fernández; de Bande, José Antonio Armada; de Celanova, José Luis Ferro; e de Ribadavia, Ignacio Gómez.

“Para nós é inaceptable a supresión deste servizo baseado exclusivamente en número de asentos presentados ou en interinidades prolongadas na titularidade das prazas, obviando empregar criterios propios dun servizo público, como é a proximidade ao cidadán, descoñecendo a realidade do noso país e menoscabando a posibilidade de acceso presencial a este servizo”, explicaba o vicepresidente da Deputación de Ourense.

O peche dos Rexistros da Propiedade de Bande, Celanova, Pobra de Trives, Ribadavia e Viana do Bolo, aglutina o territorio de 38 concellos, cunha importante dispersión da poboación, todos eles en áreas rurais e afectando a un total de 58.518 veciños. De acordo a este Real Decreto, a provincia de Ourense pasaría de contar con 13 Rexistros da Propiedade a 8: Bande e Celanova deixarán de ter Rexistro da Propiedade para depender de Allariz; Trives integrarase no Barco; Ribadavia no Carballiño e Viana do Bolo en Verín.

Pola súa parte, o alcalde de Pobra de Trives, en nome de todos os concellos afectados, sinaba que “rexeitamos que o Ministerio de Xustiza acordara o peche dos Rexistros da Propiedade, desatendendo os informes desfavorables remitidos anos atrás desde os concellos afectados. Adóptase agora, catro anos despois, unha decisión sen ningún tipo de explicación máis que a recollida na propia norma”.

Nese mesmo senso, Francisco José Fernández puntualizaba que “queremos significar que para a modificación da demarcación territorial dos Rexistros da Propiedade empréganse criterios inaceptables. Nin sequera se xustifica nun aforro para a administración, pois o servizo págano directamente os cidadáns. Reclamamos que se manteña o actual mapa dos Rexistros da Propiedade”.

Artigos relacionados

Back to top button