OurenseÚltima hora

O conselleiro de Industria visita o polígono de San Cibrao das Viñas

Mantivo unha reunión con empresarios da zona en Tecnópole e visitou aos nenos do campamento de verán do parque empresarial
Un momento da visita ao campamento de Tecnópole.
Un momento da visita ao campamento de Tecnópole.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, achegouse esta mañá até o polígono de San Cibrao das Viñas, días despois de ter visitado tamén o parque empresarial O Vinteún. Nesta ocasión, o titular do departamento autonómico mantivo unha reunión con empresarios da zona en Tecnópole e saudou aos nenos do campamento de verán que se está a levar a cabo no polígono.

Conde definiu o parque empresarial como “o corazón tecnolóxico e industrial de Ourense” ao lembrar que a zona mobilizou 46 millóns de euros en proxectos innovadores da Xunta nos últimos sete anos. Tamén destacou que o parque, con 91 empresas, é un dos “principais abandeirados da innovación galega.”

A reunión mantida cos empresarios xirou arredor da innovación. “Hoxe é un dos principais ecosistemas innovadores de Galicia en eidos como a automoción, a aeronáutica, a alimentación ou a biotecnoloxía, e para consolidar esa posición a Xunta está a poñer distintas ferramentas ao alcance dos empresarios”, apuntou o conselleiro.

Tras o encontro, Conde tamén pasou a saudar aos nenos que están a participar no campamento de verán de Tecnópole. Esta actividade está a impulsar a cultura da innovación, creatividade e coñecementos tecnolóxicos a través de tarefas de divulgación científica.

Artigos relacionados

Back to top button