EconomíaEconomíaÚltima hora

Reunión dos empresarios do polígono de San Cibrao e do Concello coa Xunta para analizar o proxecto dunha terminal ferroviaria de mercadorías

Serviría á actividade industrial que se concentra neste polígono, no de Barreiros, no Parque Tecnolóxico e nos parques do Pereiro de Aguiar e de Seixalbo

 

O anteproxecto para a execución dunha terminal ferroviaria de mercadorías que contribúa á competitividadedo polígono industrial de San Cibrao analizábase esta tarde no decurso dunha reunión entre a Xunta, o Concello de San Cibrao das Viñas e a asociación deste parque empresarial.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, mantiña esta tarde en Santiago un encontro de traballo co alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Moreiras, e con responsables da Asociación de Empresarios Polígono de San Cibrao, entidade que elaborou o anteproxecto, representada polo seu presidente José Antonio Rodríguez, e pola xerente da asociación, Yolanda López.

Tal e como expuxeron os empresarios na reunión, a execución da terminal mercadorías serviría nun radio de 2 km á actividade industrial que se concentra no polígono de San Cibrao, no polígono de Barreiros, no Parque Tecnolóxico, no polígono do Pereiro de Aguiar e o no parque empresarial de Seixalbo, ademais do polígono que a Xunta vai desenvolver en Paderne de Allariz.

Deste xeito, a construción desta terminal ferroviaria é unha actuación que os empresarios de San Cibrao das Viñas defenden, co apoio de parte dos concellos da zona, por considerar que esta infraestrutura pode contribuír á competitividade deste pulmón industrial do sur de Galicia.

Segundo trasladaron os empresarios na reunión, o anteproxecto da estación de mercadorías foi xa presentado ao delegado do Goberno en Galicia.

 

 

Na xuntanza desta tarde co alcalde e cos empresarios de San Cibrao, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade trasladou a vontade da Xunta de seguir apostando pola mellora das conexións e pola seguridade viaria do transporte de mercadorías nesa contorna. Referiuse, así á solicitude xa trasladada polo Goberno ao Ministerio de Transportes de fondos de reconstrución do Next Generation para o impulso da prolongación do acceso ao polígono de San Cibrao e á Cidade do Transporte desde a A-52.

Doutra banda, e en relación coas actuación en marcha do Goberno galego, lembrou que neste momento está aberta a contratación para executar a mellora do firme e o reforzo da seguridade viaria no treito autonómico da estrada N-525 na contorna dos polígonos de San Cibrao e Barreiros, que suporá un investimento de 3,6 millóns de euros. O obxectivo da Xunta é iniciar as obras no verán e rematalas neste mesmo ano.

Tamén se puxo en valor os 22 millóns de euros que investiu o Goberno galego a Xunta para a posta en servizo do novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, no pasado mes de setembro, no que para o súa execución tivo que asumir a titularidade do citado tramo da estrada nacional. Esta conexión, que dispón de terceiro carril en máis da metade do trazado, permitiu reducir nun 60% o percorrido necesario para conectar o parque empresarial coa autovía, facilitando unha conexión máis directa, áxil e cómoda ao que é o gran pulmón empresarial de Ourense, favorecendo a súa competitividade.

Artigos relacionados

Back to top button