ConcellosO BarcoTrivesÚltima hora

Reunión en Santiago para abordar a posta en valor da “Via Nova” romana

Na xuntanza participaban os rexedores de Trives e O Barco, o presidente da Deputación, o conselleiro de Cultura e representantes do Eixo Atlántico, entre outras autoridades

 

Os Concellos do Barco e da Pobra de Trives dan un novo paso na súa aposta por poñer en valor a Via Nova romana ou Via XVIII como itinerario cultural. En maio iniciaban unha rolda de reunións de cara a revitalizalizar esta calzada romana que unía hai 2.000 anos atrás as antigas urbes de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), cruzando a provincia de Ourense.

Así, a finais de maio representantes de ambos concellos desprazábanse ata Portugal para manter unha xuntanza co presidente da Cámara de Braga, Ricardo Río, co fin de estudar a posta en marcha de accións conxuntas en torno á Via Nova. Río acollía moi positivamente a iniciativa. Neste encontro tamén participaba o secretario xeral do Eixo Atlántico. Un mes despois, o alcalde do Barco, Alfredo García, e o secretario do Eixo, Xoán Vázquez, reuníanse co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen tamén se amosaba favorable á iniciativa.

Un novo paso dábase este luns 12 de xullo nunha xuntanza celebrada na biblioteca da Cidade da Cultura de Santiago coa asistencia dos rexedores do Barco e Trives, de representantes do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, do conselleiro de Cultura e do presidente da Deputación, entre outras autoridades, para analizar diferentes cuestións relativas á posta en marcha de iniciativas para a dinamización e promoción da Via XVIII.

Entre outros aspectos, abordouse a importancia da Via Nova como itinerario cultural, algo que conta co compromiso das distintas partes. No decurso do encontro acordábase que a Xunta de Galicia e o Eixo Atlántico colaborarán na posta en valor deste legado cultural da Gallaecia romana, un patrimonio compartido por Galicia e Portugal que será obxecto de impulso a través da entidade que agrupa a concellos tanto da Comunidade galega como do país luso.

O encontro supuxo unha primeira toma de contacto a partir da que buscar fórmulas de cooperación e liñas de traballo que desenvolvan esta planificación para reforzar o coñecemento e a difusión deste pasado compartido que se considera de interese polos axentes implicados.

 

O trazado da Via Nova romana ao seu paso pola Ponte Bibei (Trives-Quiroga)./ Foto: A.R.

 

Formaron parte da reunión o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Braga e presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río; a vicepresidenta da entidade e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, ademais do rexedor do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e da alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez.

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, destacaba a importancia da Via Nova, que cruza a provincia de Ourense, e a necesidade da súa posta en valor, tendo en conta a súa antigüidade, o conxunto de elementos arqueolóxicos ligados a el e o feito de que une dous países: España e Portugal. Ademais lembraba que existen xa estudos moi completos e rigurosos sobre este itinenario realizados polo profesor ourensán Antonio Rodríguez Colmenero, que leva décadas investigando esta vía.

Para o alcalde do Barco, Alfredo García, esta reunión ten sido “positiva, imos empezar a poñer en valor a Via Nova como primeira actuación dun proxecto que vai ir máis alá e que sería poñer en valor a Gallaecia romana, queremos facer un itinerario cultural que para O Barco e para a zona só vai traer cousas positivas. Vaise acudir a expertos e en 6 meses pretendemos ter un proxecto para empezar a traballar e buscar tamén financiamento europeo na próxima convocatoria. Isto é o inicio de algo que pode terminar sendo importante para a comarca”.

O rexedor barquense tamén destaca que “conseguimos poñer en valor un proxecto común, concellos, Deputación, a Consellería de Cultura e o Eixo. De feito, O Barco é o único concello galego do Eixo Atlántico polo que pasa a Via Nova“. Así mesmo, Alfredo García adianta que intención é incorporar tamén a parte castelá da calzada romana. “Teño previsto falar cos alcaldes de Ponferrada e de Astorga para propoñerlles tamén incorporarse a esta iniciativa”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendía a posta en valor da Via Nova “como elemento para fortalecer a nosa identidade e como fonte de desenvolvemento turístico”. Para o presidente provincial “trátase de realzar algo moi noso, que pertence ao xacemento da nosa cultura e que servirá para revalorizar a nosa identidade, que compartimos co norte de Portugal; neste ámbito, a Deputación de Ourense apostará sempre polo desenvolvemento e recoñecemento do territorio”.

Artigos relacionados

Back to top button