ConcellosÚltima hora

Reunión na Teixeira do director do Instituto de Estudos do Territorio con 10 concellos ourensáns

Tratábase dos de Parada de Sil, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Maceda, Xunqueira de Espadanedo e Esgos, ademais do municipio anfitrión

Un dos momentos da reunión no Concello da Teixeira.

 

O Concello da Teixeira vén de acoller nesta semana unha reunión do director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, con representantes dunha decena concellos da provincia de Ourense para explicarlles polo miúdo as Directrices da Paisaxe de Galicia, así como unha serie de cuestións prácticas para facilitarlles a aplicación nos seus municipios desta nova ferramenta de protección e conservación paisaxística.

A xuntanza contou coa asistencia de persoal e responsables municipais deste concello e tamén dos de Parada de Sil, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Maceda, Xunqueira de Espadanedo e Esgos.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva varias semanas celebrando este tipo de reunións locais para dar a coñecer o contido das primeiras Directrices da Paisaxe da Comunidade, que entraron en vigor o pasado 20 de febreiro. Barea sinalou que están pensadas como unha ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país en materia paisaxística.

O director do IET deu valor a este tipo de encontros porque “é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia”, aseguran dende a Consellería de Medio Ambiente.

Artigos relacionados

Back to top button