En portadaÚltima hora

Reunión no Barco da xunta de voceiros da Fegamp

Un dos asuntos abordados era a á Lei de Contratación do Sector Público, que “está formulada en beneficio das grandes empresas polo que suporá o afundimento do comercio local”, segundo o presidente desta entidade, Alfredo García
Imaxe da reunión de portavoces da Fegamp no Barco.

A xunta de voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincias, celebrada o 11 de abril no Barco de Valdeorras, aprobaba un manifesto de rexeitamento á nova Lei de Contratación do Sector Público (LCSP), que empezaba a aplicarse no pasado mes de marzo. O presidente da Fegamp, o alcalde barquense Alfredo García, comunicaba que os concellos consideran que “a LSPC “está formulada en beneficio das grandes empresas polo que suporá o afundimento do comercio local”.

Como exemplo, indicaba o presidente da Fegamp: “a obrigatoriedade de contratación electrónica que indica esta lei deixará fora dos procesos de adxudicación ás empresas locais, que contan con pouco persoal e medios técnicos limitados e non serán capaces de participar nos procesos que lles esixe a nova normativa”.

Ademais o presidente da Fegamp alertaba de que “o problema aínda é maior xa que as grandes empresas que accederán ás obras ou servizos municipais subcontratarán o traballo ás pequenas empresas locais que realizarán o mesmo traballo por menos diñeiro e subordinadas a unha grande empresa”.

Na reunión tamén se analizaba o sobrecusto que suporá para os concellos adaptarse á nova Lei de Benestar Animal. “Nos últimos meses son moitos os concellos galegos que teñen amosado o seu malestar coas novidades que esixe a Lei de Benestar Animal para os municipios. O sacrificio cero e a obriga de atender todas as necesidades veterinarias dos animais abandonados, engrosan a factura de gastos que os concellos están a asumir sen axuda económica por parte da Administración Autonómica”, segundo se indica dende esta entidade.

A Fegamp, tras manter unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, está a facer un estudo das infraestruturas que existen en Galicia para acoller animais abandonados que estará listo nas próximas semanas. Tras a avaliación de infraestruturas, a Fegamp manterá unha nova xuntanza co departamento de Medio Ambiente para chegar a acordos e tentar solucionar o desbordamento que teñen os municipios neste eido.

Artigos relacionados

Back to top button