EconomíaEconomíaÚltima hora

Reunión telemática do Inorde cos concellos do Xeodestino Manzaneda-Trevinca

Imaxe: Inorde.

 

Esta mañá vén de celebrarse unha reunión telemática entre o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e os concellos que integran o Xeodestino Manzaneda-Trevinca co fin de “analizar a proposta de accións turísticas para o 2021 encamiñadas a promocionar e poñer en valor os recursos naturais, patrimoniais e enogastronómicos do territorio”, tal e como vén de informar o propio Inorde a través das redes sociais.

No encontro online participaban o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente; así como alcaldes e representantes dos municipios que integran o Xeodestino Manzaneda–Trevinca.

Este xeodestino comprende os concellos do Barco, A Rúa, Petín, O Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, A Veiga, Larouco, Carballeda de Valdeorras, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Manzaneda.

Reunión cos municipios do Xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés

Despois do encontro telemático, o Inorde e os municipios que integran o Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés perfilaron o plan de accións propostas para o convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para o ano 2021. Facíano no decurso dunha reunión que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Celanova, e á que asistiron o presidente e a xerente do Inorde, xunto cos alcaldes e representantes dos concellos que integran este xeodestino.

 

Reunión en Celanova./ Foto: Inorde.

 

“Os principais obxectivos a acadar coa proposta de dinamización turística que presenta este xeodestino son: incrementar a notoriedade do xeodestino e captar o interese de novos visitantes; apoiar a reactivación do sector turístico local e mellorar a súa formación e colaboración con novas empresas que aposten polo territorio; aproveitar produtos turísticos noutros proxectos vinculados ao territorio para xerar experiencias incorporando ás empresas locais; e crear as bases para un maior contacto e mellora da xestión turística entre o sector privado, o Inorde e os concellos do xeodestino”, segundo explican dende o Inorde.

Para lograr ditos obxectivos, os criterios que sustentan a base das accións propostas para a dinamización turística do Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés para a firma do convenio con Turismo de Galicia no ano 2021 son: apostar por novas accións de promoción, formar e apoiar ao sector turístico local, atraer a touroperadores especializados ao noso territorio, promover e difundir en especial o produto de geocaching desenrolado no convenio 2020, e seguir promovendo melloras no uso das novas tecnoloxías.

Durante a reunión, Rosendo Fernández reivindicou que o noso territorio é “un destino seguro” e explicou que “a crise sanitaria do Covid-19 esíxenos adoptar novos movementos turísticos e pode ser unha oportunidade para dar a coñecer o noso territorio e ofrecer experiencias turísticas en base ao traballo realizado nos últimos anos e ao aproveitamento de proxectos turísticos xa consolidados no territorio”.

Este xeodestino abrangue os termos municipais de Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola.

Artigos relacionados

Back to top button