SanidadeÚltima hora

Rexeitadas no pleno da Deputación as mocións que pedían manter a área sanitaria de Valdeorras

Tan só obtiña os 11 votos favorables de PSdeG, DO e BNG, fronte aos 14 votos en contra do PP

A desaparición da área sanitaria de Valdeorras, que se contempla no anteproxecto de reforma da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia, chegaba ao pleno da Deputación. Os grupos do PSdeG-PSOE e do BNG na corporación provincial presentaban dúas mocións que se debatían na sesión celebrada na mañá do 29 de setembro nas que pedían en esencia a retirada dese anteproxecto de Lei e o mantemento da área sanitaria de Valdeorras, unha das dúas existentes na provincia xunto coa de Ourense. Sen embargo, ningunha das mocións prosperaba. Resultaban rexeitadas ao votar en contra os 14 deputados do PP, fronte aos 11 votos a favor dos socialistas, do BNG e de Democracia Ourensana.

As dúas mocións debatíanse conxuntamente, pero votábanse por separado. Para a exposición da primeira moción o grupo socialista cedíalle o seu turno de palabra ao voceiro da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, o doutor Orlando Saavedra, quen sinalaba  “que a maioría dos cidadáns das comarcas de Trives, Viana e Valdeorras ven este anteproxecto con preocupación e cunha gran incertidume con respecto ao futuro da sanidade da comarca e ao seu medio rural, tanto no que respecta á atención primaria como á especializada e hospitalaria. Polo tanto, unha gran preocupación pola súa saúde, pola súa atención sanitaria e pola súa calidade de vida polo só feito de residir no rural galego”.

 

O voceiro da Plaforma Sanitaria, Orlando Saavedra, expoñendo a moción socialista en defensa da área sanitaria do Barco no pleno provincial.

Tamén explicaba que o anteproxecto de reforma da lei inclúe unha serie de modificacións “de moita relevancia para o sistema galego de saúde. Plantéxase unha nova reorganización do mapa sanitario e por iso estamos aquí, para buscar a vosa solidariedade e apoio porque a área sanitaria do Barco vai desaparecer, integrarase nunha área única provincial correspondente ao que agora é a EOXI de Ourense. Créase unha nova distribución xeográfica que se denomina distrito onde quedaría incluído o noso entorno sanitario e social e todo o que conleva queda por ser determinado por decreto do Consello da Xunta, tanto no que se refire ás áreas sanitarias como aos distritos. Distritos que se vinculan á existencia dos actuais hospitais comarcais,  e nada se di da súa carteira de servizos, dos niveis de estrutura técnica que deben acadar, de plantillas para o seu funcionamento con eficiencia e calidade, nin sobre os seus circuítos e mapas de derivacións segundo patoloxías… Unha gran incertidume que nos leva a pensar que dentro de poucos anos o Hospital Comarcal Valdeorras non será máis que un centro de especialidades e un centro de urxencias con escasa capacidade de resolución”.

Saavedra aseguraba que “a realidade é tozuda e a percepción da poboación dende a creación da EOXI é unha perda progresiva da capacidade resolutiva das actuacións médicas e con estado de reclamación permanente para manter a tecnoloxía actualizada que permita recibir dos profesionais sanitarios unha atención adecuada”. E engadía que “a reforma dunha lei de saúde, por moi administrativa que pareza, merece o maior consenso posible, é necesario, é imprescindible que o goberno da Xunta modifique o camiño iniciado o 2 de agosto, por iso pedimos a retirada do anteproxecto de Lei e a creación dun grupo de traballo que inclúe a representantes de todos os partidos, da Fegamp, sindicatos, asociacións de pacientes, colexios profesionais e outros colectivos de relevancia no entorno sanitario, coa finalidade de elaborar un informe de conclusións que será de acceso público e que porá as reformas normativas para o sistema galego”.

 

O voceiro do BNG, Ramiro Rodríguez, lendo a súa moción.

 

De seguido, o voceiro do BNG na Deputación, Ramiro Rodríguez, expoñía a moción do seu grupo nunha única intervención, tendo en conta que “non difire no fundamental da moción do partido socialista”. Así os nacionalistas demandaban da Xunta as seguintes medidas: a retirada do anteproxecto de Lei, o mantemento da área sanitaria de Valdeorras, a posta en marcha dun plan de mellora da atención primaria “devolvéndolle a súa capacidade organizativa e de xestión e a recuperación da xerencia directa e, en cuarto lugar, a constitución e convocatoria inmediata do consello de saúde da área de Valdeorras”.

 

Armando Ojea, voceiro de Democracia Ourensana.

 

Tomaba ademais a palabra o voceiro de Democracia Ourensana, Armando Ojea, para anunciar o voto favorable do seu grupo ás mocións “porque interpretamos que encaixa coa nosa reiterada protesta sobre a crónica e sempiterna discriminación que a Xunta ten coa provincia de Ourense en moitos aspectos e este é un deles, o sanitario e particularizado nunha comarca concreta como é Valdeorras”.

 

Rosendo Fernández, voceiro do PP.

 

A continuación interviña o voceiro do grupo do PP, Rosendo Fernández, quen comentaba que os argumentos expostos nas mocións “son tan repetitivos, magnas expresións negativas que eu creo que deixan de ser cribles co tempo. Cando se fala de sanidade hai que ser un pouco positivos porque eses argumentos que oímos agora xa os temos oído moitas veces”. Tamén calificaba de “pantasmadas” as argumentacións do representante da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, xa que o “actual goberno dotou entre 2012 e 2017 de seis especialidades máis ao hospital do Barco, creceron as especialidades e aumentou a calidade asistencial neste hospital”.

Con respecto aos cambios que se recollen no anteproxecto de reforma da Lei de Saúde, Fernández sinalou que se “trata de crear o distrito sanitario como marco de referencia, de coordinación, iso si, de atención primaria, da atención especializada e sociosanitaria que estarán ligados ao hospital do Barco. O sistema xa funciona así, como distrito, para Barbanza, Cee e Verín”. Sobre a perda da área sanitaria do Barco facía unha pregunta “¿tivo algún reflexo sendo área a xestión dos recursos sanitarios en Valdeorras? Para nada, era máis sobre o papel que na realidade. O que se vai facer é reformar por lei os hospitais comarcais, neste caso o de Valdeorras, porque o de Verín xa é distrito, e o distrito será unha nova figura legal que permitirá amparar por lei a existencia dos hospitais comarcais. Falamos de mellorar a calidade asistencial, nunca pecharán o hospital”.

Ante isto Orlando Saavedra respostaba que “se realmente toda a intención é mellorar a sanidade da nosa cidadanía, ¿por que non buscamos un consenso? Isto é o que propoñemos retirar o anteproxecto e formar un grupo de traballo amplo para facer unha lei de consenso”. Pero o popular Rosendo Fernández matizaba que “teño aquí un anteproxecto de Lei e isto admite alegacións” e engadía que este anteproxecto ten beneficios ao “consolidar un novo modelo organizativo que a actual lei non recolle e que permitirá a mobilidade dos profesionais para desprazarse do hospital da área ao distrito”.

O turno de intervencións pechábao o deputado valdeorrés do grupo socialista Miguel Bautista destacando que “dende logo que o hospital do Barco non vai desaparecer porque o veciños de Valdeorras non o imos permitir baixo ningún concepto, se quere que desapareza é o seu problema”. E con respecto aos “mellores servizos sanitarios” que suporá a nova lei e a “atención será máis próxima ao domicilio, explíquenllo aos veciños de Vilamartín, onde se xubilou un médico no centro de saúde e levan tres meses con un só médico”.

Finalmente chegaban as dúas votacións nas que as mocións non lograban os votos do PP, grupo maioritario na cámara provincial, co cal resultaban rexeitadas.

Os deputados do PSdeG-PSOE, BNG e DO votando a favor do mantemento da área sanitaria de Valdeorras.

 

Os deputados do PP votando en contra das mocións.

Artigos relacionados

Back to top button