ConcellosÚltima hora

Río aposta por facer da crise actual unha oportunidade para o rural usando as novas tecnoloxías

O Concello creará un centro de teletraballo, unha aula de informática e reformulará a biblioteca municipal

Un dos edificios que se van usar nestes proxectos do Concello de Río./ Foto cedida polo Concello de San Xoán de Río.

 

“O tempo de crise é tempo de oportunidades”. Así o ven no Concello de San Xoán de Río, que xa se puxo a traballar para buscar alternativas e novas proposta para afrontar, dende o rural e apostando polas novas tecnoloxías, a situación. “Ante o recorte brutal de ingresos e subvencións que imos ter todos os concellos, dende o de San Xoán de Río cremos que é tempo de pór en valor todo o que temos. Río perdeu nos últimos 40 anos o 80% da poboación, temos edificios pechados sen utilidade e dende comezos deste ano contamos fibra óptica, é dicir, alta velocidade de acceso a internet. Estes son tres factores cos que pretendemos mellorar os servizos dos actuais veciños e darlle oportunidade á xente que se foi para que poida regresar a vivir aquí”, destaca o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez.

Nese senso, son xa tres proxectos os que está perfilando este Concello. Un deles é un Centro de Teletraballo. “Esta crise demostrou que moitos traballos, sobre todo, nas cidades, pódense facer dende a casa. É algo que xa funcionaba noutros países do mundo e que agora chegou para quedarse. Polo tanto, un dos edificios públicos municipais conectarémolo mediante fibra óptica para ter unha conexión de alta velocidade a internet e crearemos un lugar de traballo seguro, con todo o mobiliario necesario, para que a xente que o precise poida teletraballar sen molestias nun lugar adaptado para elo. Utilizarase unha solución “plug & play”, os usuarios simplemente conectaranse ás redes ofrecidas e poderán comezar a teletraballar. Moitos dos emigrantes de San Xoán de Río levan confinados 2 meses nas cidades e o tipo de vida que tiñan vai mudar por completo. Con esta solución pretendemos que a xente que veña este verán a San Xoán de Río probe a vivir na súa terra e logo poida escoller se voltar a cidade ou quedarse a vivir no noso concello”, explica Pérez Blecua.

Por outra banda, o Concello vaise dotar dunha Aula de Informática. “Coma sempre, as medidas tomadas nesta crise discriminan ao rural. Temos moitas parroquias sen posibilidade de conexión a internet de alta velocidade nin cobertura 4G de móbil coa que suplir esta carencia. Unha poboación en Río dobremente marxinada nesta crise a que pretendemos con esta ferramenta mellorar a súa calidade de vida. Será un espazo onde toda a veciñanza e baixo demanda para cumprir todos os novos requisitios da desescalada teñan acceso a utilizar un ordenador e unha conexión de alta velocidade. Por un lado centrada nos máis pequenos que apenas poden serguir os deberes e clases on-line por falta de cobertura e, por outra banda, para que a xente maior aprenda a utilizar as novas tecnoloxías e poida comunicarse cos seus familiares ou mercar por internet”, comenta o rexedor de Río.

 

Interior da Biblioteca Municipal de Río./ Foto: Concello de San Xoán de Río.

 

Dixitalización da biblioteca

Finalmente, este Concello ten entre mans outra iniciativa relativa á biblioteca municipal. “O modelo do ano pasado, que tanto éxito tivo en San Xoán de Río do campamento infantil, este ano pode ser que non sexa realizable, polo tanto temos un plan B, reformular a Biblioteca Municipal que leva anos pechada e volver a por en valor un espazo municipal centrado na cultura. Unha biblioteca que ademáis dos libros, instalar un proxector, pantalla, etc para crear un espazo polivalente cultural. Por outra banda, este traballo serviría para dixitalizar toda a biblioteca actual e crear unha aplicación dixital de préstamo de libros para todos os veciños de San Xoán de Río que funcione dunha maneira low cost e sen mantemento, para conseguir o mellor servizo cun baixo custo”, conclúe Xosé Miguel Pérez.

Artigos relacionados

Back to top button