ConcellosÚltima hora

Río celebrará o 26 de outubro o “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia”

 

San Xoán de Río súmase este ano aos concellos galegos que conmemoran o “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia”. Esta celebración terá lugar mañá sábado 26 de outubro ás 12h. na Igrexa de Medos e estará promovido polo Concello e pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

O obxectivo desta conmemoración é “lembrar que, a pesares de que é práctica habitual nos cemiterios a instalación de lápidas en castelán, a meirande parte das persoas que alí xacen eran galegofalantes”, explica o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

O programa incluirá o descubrimento dunha placa na porta da igrexa de Medos coa que se recordará a todos os que alí repousan, baixo a lenda “na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”, e, entre outros, tamén haberá nese mesmo lugar un acto de sinatura de derradeiras vontades, para que todo aquel que o desexe exprese por escrito a decisión de que, unha vez falecido, a súa liturxia sexa en galego.

Dende o Concello de San Xoán de Río tamén se adianta que se colocará unha placa na honra do Antonio Caneda Rodríguez no cemiterio de Medos. Ese mestre, natural desta localidade, foi axustizado durante a represión franquista en San Cosmede – O Irixo (Ourense) o 29 de agosto de 1937.

Artigos relacionados

Back to top button