ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

“Río Central”, un proxecto para humanizar a vila de San Xoán de Río

O seu alcalde vén de presentarlle este conxunto de actuacións á Xunta e tamén buscará financiamento nos fondos europeos

 

O Concello de San Xoán de Río vén de presentarlle á Xunta de Galicia un proxecto conxunto denominado “Río Central” para humanizar, crear espazos públicos de calidade e cun complexo deportivo na súa capitalidade. “Tras moitos meses de duro traballo, de reunión nas consellerías e de recabar opinións de moita xente, presentamos a nosa proposta de investimentos á Xunta de Galicia e para os fondos europeos para a capitalidade de San Xoán de Río. Estase facendo o mesmo traballo para cada un dos 59 pobos de San Xoán de Río e presentaranse no seu debido momento”, adianta o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Este proxecto agrúpase en tres grandes bloques, para os que se establecerán diferentes vías de financiamento. Unha delas será a humanización do vial principal da vila. “A primeira das propostas é a humanización da estrada OU-0705 ao seu paso por San Xoán de Río. Neste bloque de medidas estarían, por un lado, a finalización e reparación das beirarrúas dende a primeira casa da Pena do Lameiro ata a última de Alenza. Tamén pretendemos modificar e adaptar a vexetación ao noso concello e crear unha zona onde os peóns teñan prioridade sobre os vehículos nas zonas de maior afluencia da localidade”, explica o rexedor.

Outro dos bloques está centrado na proxección de espazos públicos de calidade. “Por unha banda, é primordial a Casa do Maior como eixo central de vertebración para os nosos veciños de avanzada idade e, pola outra, un parque infantil cuberto para complementar as instalacións do parque infantil exterior xa instalado e crear unha zona para a mocidade independente, separando a mocidade do centro de teletraballo público. A remodelación da Praza Pedro Fernández será outro dos proxectos estrela convertíndoa no lugar de reunión da veciñanza. Nela crearase un espazo verde polivalente onde se celebrarán eventos de todo tipo como concertos, actuacións, feiras, etc.”, sinala Xosé Miguel Pérez.

 

Finalmente, o alcalde plantexa a creación dun complexo mutideportivo. “Centrámonos na oferta deportiva á nosa cidadanía, a actual mellora do parque biosaludable irá acompañada da instalación dunha pista de pádel e unha pista multideportiva. O arranxo do polideportivo municipal terá lugar unha vez que se constrúa unha nave industrial”.

Pérez Blecua amosa tamén o seu agradecemento a “todos os que nos últimos meses colaborachedes para sacar adiante esta proposta de mellora para a nosa capitalidade”.

Imaxes: Concello de San Xoán de Río.

Artigos relacionados

Back to top button