ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río duplica os casos activos de Covid e pasa de 5 a 10 nun mesmo día

 

Datos preocupantes son os que deixan os resultados das últimas probas PCR realizadas aos veciños de San Xoán de Río. Veñen de duplicarse nun só día os positivos de coronavirus neste municipio, que pasa de 5 a 10, tal e como vén de informar o Concello a través dun novo comunicado emitido esta tarde.

“Comezan a chegar os resultados das PCR realizadas aos contactos directos dos 2 novos gromos detectados nas últimas horas e son malas novas, con 5 positivos máis, todos en relación directa cun dos novos gromos. Polo tanto, agora mesmo temos 10 positivos en San Xoán de Río, divididos da seguinte maneira: gromo 1 con 2 positivos (detectado o 31 de decembro), gromo 2 con 7 positivos (detectado o 4 de xaneiro) e gromo 3 con 1 positivo (detectado o 5 de xaneiro)”, segundo informa o Concello.

Ademais no comunicado tamén se indica que probablemente aparezan novos casos nas vindeiras horas, unha vez que se vaian coñecendo os resultados das probas PCR que se están a realizar. “O importante”, resalta o Concello, “é que os 10 veciños que deron positivo se atopan na súa casa e teñen sintomatoloxía leve ou directamente son asintomáticos, así que esperamos a súa recuperación o antes posible”.

O Concello de San Xoán de Río asegura que se mantén un contacto directo coa xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras “analizando a situación e, polo momento, non é necesario aumentar as restricións” deste municipio.

Así mesmo, dende esta administración local agradécese o “gran labor que están realizando os profesionais sanitarios do Sergas, especialmente os do PAC de Trives, pola súa celeridade de actuación, tras detectarse un novo positivo, e ao conseguir en menos de 24 horas ter todos os contactos directos con PCR feita e incluso os resultados das probas destes contactos, minimizando os riscos de contaxio en caso de novos positivos”.

Artigos relacionados

Back to top button