ConcellosSan Xoán de RíoTrivesÚltima hora

Río e Trives recibirán refuxiados ucraínos o vindeiro venres

Dous autobuses e un camión trailer, con 30 toneladas de produto de primeira necesidade, partirán mañá dende San Cibrao das Viñas cara á fronteira con Polonia e regresarán cuns 96 nenos e nais, segundo informa SOS Ternópil Galitzia

Imaxe: Sosternópil Galitzia.

 

Continúan xurdindo accións solidarias co pobo ucraíno na comunidade galega. Así, en Ourense está en marcha a iniciativa privada SOS Ternópil Galitzia que logrou conseguir “dous autobuses e un camión trailer que suman 30 toneladas de produto de primeira necesidade e que partirán o próximo día 14 de marzo con axuda humanitaria cara á fronteira con Polonia, e regresarán cun total de 96 nenos e nais que actualmente permanecen nun campo de refuxiados en Ternópil (Ucraína). A base de operacións -e de onde partirá o grupo este luns ás 9.00 horas- está nas instalacións da empresa Legufrut, onde a cidadanía interesada entregou material de primeira necesidade para enviar a Ucraína, maioritariamente, alimentos, medicinas e roupa”, tal e como veñen de facer público os promotores da iniciativa.

Unha vez de volta en Ourense, os nenos e nais serán acollidos en tres puntos da provincia, no Seminario Menor, no albergue en San Xoán de Río e no de Trives. Posteriormente, as familias serán reacollidas nos fogares que se ofreceron a acollelos.

A delegación galega está composta por un equipo de médico, psicólogo, enfermeiros e tradutores, ademais dun grupo de voluntarios que se encargará de descargar e distribuír o material e de organizar o desprazamento das familias. Entre eles viaxará o realizador Carlos Urban que rexistrará todo canto aconteza co seu cámara e poderán seguir a través das redes sociais facebook. com/ sosternopilgalitzia

Viaxe de ida

A saída terá lugar o luns 14 de marzo desde Legufrut Agro – Cidade do Transporte Polígono de San Cibrao das Viñas Ourense (Galicia) ás 9:00 horas. A chegada prevista o martes 15 de marzo ás 17:00 horas a unha das fronteiras de Polonia con Ucraína.

Segundo avance a viaxe “decidirase por razóns de seguridade cal das fronteiras será elixida pola organización para facer o transbordo”, adianta a asociación.

Viaxe de volta

Espérase que a volta a Ourense, aos centros de acollida, o Seminario Maior, o albergue de San Xoán de Río e o albergue de Trives prodúzase o venres 18 de marzo pola tarde.

“Esperamos recibir o venres un bus de refuxiados que imos acoller entre Río e Trives”, confirma o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez.

 

Artigos relacionados

Back to top button