ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río homenaxea a Gabino Rodríguez cunha placa na praza que leva o seu nome

O acto, que contou cunha gran emotividade, tiña lugar nesta mañá de 8 de agosto coa presenza do alcalde, da familia, e de traballadores do Concello

 

San Xoán de Río homenaxeu nesta mañá de 8 de agosto a Gabino Rodríguez Álvarez, co descubrimento dunha placa ubicada na praza que leva o seu nome. O emprazamento cambia de nome, xa que anterioridade era a Praza do Concello. Así, ao acto, que contou cunha gran emotividade, acudiron o alcalde, Xosé Miguel Pérez, a familia, e traballadores do Concello.

 

A filla de Gabino Rodríguez, Rosa María, durante a súa intervención.

 

Gabino Rodríguez (1930, Navea, Trives – 2014 Ourense) desenvolveu durante máis de 60 anos tarefas de administrativo e de secretario do Xulgado de Paz no Concello de San Xoán de Río.

 

 

O alcalde, que acudía en cadeira de rodas por un accidente nunha perna, calificou o acto como “moi emotivo, xa que foi a primeira medida que tomamos o ano pasado, no primeiro pleno, porque o señor Gabino Rodríguez foi unha persoa moi importante que traballou toda a súa vida no Concello. Unha vez xubilado viña todos os días a botar unha man no que podía. Todo o mundo o quere e nunca tivo ningún problema con ningúen”.

 

A familia de Gabino Rodríguez.

 

Así, Xosé Miguel Pérez apuntaba que querían recoñecelo por dúas bandas “para facerlle unha homenaxe, que o merece, para el e a súa familia; e polas futuras xeracións, para que dentro de vinte ou trinta anos, cando vexan o nome da praza, saiban quen foi. Se todo o mundo fora como Gabino, xa non teríamos un San Xoán de Río mellor, senón que teríamos un mundo mellor”.

 

A filla de Gabino Rodríguez, Rosa María, descubrindo a placa da praza.

 

Pola súa banda, no acto tamén interviña unha das súas fillas, Rosa María Rodríguez. “Comunicáronnos o ano pasado que ían abordar nun pleno a aprobación desta medida e pareceunos algo moi emotivo e moi bonito. Sei que Gabino non era nada pretencioso e que lle parecería unha esaxeración, pero a nós pareceunos un recordo moi importante. Quería a este pobo con loucura e esforzábase tremendamente por el”, explicaba.

 

A viúva Rosa Rodríguez, co seu neto Gabino.

 

Ademais, en nome de toda a familia, calificaba o acto como “moi acertado, eramos a xente xusta, xa que o que prima é a seguridade”.

 

 

Por último, unha emocionada Estrella Fernández, portavoz dos traballadores e extraballadores do Concello de San Xoán de Río non puido acabar co seu discurso, pero recoñecía que “non temos palabras para agradecerlle a Gabino o que fixo por todos nós, acollendo a todos no Concello cos brazos abertos. Con el aprendemos a tratar coa xente, a axudar en todo o que necesitaran, porque Gabino era único”.

 

O xornalista natural de San Xoán de Río, José Rodríguez, coa súa tía e madriña.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button
Close