ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río plantéxalle á Consellería de Educación crear unha aula de formación dixital na localidade

É unha das solucións que lle vén de propoñer o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez, nunha carta, xunto coa reapertura da escola municipal, ante o inicio do curso escolar e a situación actual da pandemia

Exterior do Concello de San Xoán de Río.

 

Ante a inminencia do novo curso escolar e a situación actual do Covid, o Concello de San Xoán de Río vén de remitirlle un escrito á Consellería de Educación, no que se expón a situación dos nenos deste municipio “da alta montaña de Ourense ao que se lle pechou a escola fai anos e os nosos cativos teñen que desprazarse a outros concellos para acudir a clase. Ademais, moitos pais, tralo peche do colexio decidiron mudarse entre semana a Ourense capital para evitar os longos desplazamentos dos seus fillos a escola”, indica o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Coa chegada da primeira onda do COVID-19, “tralo peche das escolas e debido a que moitos pais seguiron traballando, os cativos volveron a casa dos avós. A brecha dixital no rural impedíu que moitos deles poidesen seguir coa sua formación de xeito dixital. Actualmente a fibra óptica so chega a 1 dos 59 núcleos poboacionais de San Xoán de Río e en moitos desos núcleos non existe nin cobertura de telefonía móbil co que é inviable un acceso a internet decente”, concreta o rexedor, que tendo en conta o aprendido da primeira onda, e de cara o vindeiro curso 2020/2021, plantéxalle á Consellería de Educación dúas solucións “para anticiparnos e que os nosos cativos non vexan mermada a súa educación”.

Así, por unha banda, o rexedor propón “reabrir a Escola Municipal de San Xoán de Río. Actualmente é o local de Protección Civil. Para activar esta solución sería necesario avisar ó Concello de San Xoán de Río para reubicar a Protección Civil e ceder as instalacións a Xunta para a reapertura do centro”.

E, como segunda alternativa, o alcalde Río plantexa “crear unha aula de formación dixital na capitalidade (único lugar que consta a data de hoxe de fibra óptica) para que os cativos teñan a opción de recibir formación online así como complementar a que reciban nas clases presenciais. Nesta solución dende o Concello asumiríamos a cesión da instalación e o custe da conexión a internet e a Xunta asumiría a cesión do material para crear esta aula virtual, un profesor ou educador social para que organice a aula, axude e vixile ós cativos e o transporte dende as súas casas a este local”.

O Concello vén de remitirlle por escrito esta proposta á Consellería de Educación e dalle un prazo de dúas semanas “para que nos digan se queren aplicar algunha solución proposta e facer os traballos oportunos por parte do Concello”, conclúe o alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button