En portadaÚltima hora

Río, Trives e Manzaneda solicitan á Xunta unha brigada medioambiental

Apostan por mudar a súa política medioambiental co fin de "poder convertir a esta zona de Galicia nun referente a nivel europeo do coidado da nosa paisaxe"

Foto: Carlos G. Hervella.

 

De maneira conxunta, os concellos de Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río apostan por mudar a súa política medioambiental co fin de “poder convertir a esta zona de Galicia nun referente a nivel europeo do coidado da nosa paisaxe”. Están xa a traballar nesa liña e para desenvolvela piden o apoio da Xunta de Galicia “xa que os nosos concellos non poden asumir integramente estes gastos cos nosos orzamentos” e isto é algo que “beneficia a todos”.

“Se algo aprendimos do coronavirus”, continúan os rexedores destes tres municipios, “é que non somos illas e que traballando os concellos conxuntamente en igualdade de oportunidades é o mellor xeito de actuar. Coa experiencia previa da loita en conxunto contra o COVID-19 dos 3 concellos que forman o áera sanitaria do PAC de Trives presentouse un proxecto conxunto ante a Xunta de Galicia, para poder ter unha brigada medioambiental conxunta”.

Coa brigada pretenden eliminar os vertedoiros incontrolados e convertilos en zonas verdes e para iso “necesitamos facer unha limpeza intensiva de maleza e vexetación potecialmente inflamable xa que é a mellor forma de loitar contra os incendios”. Ademais queren “eliminar toda a flora invasora para protexer a flora autóctona, a nosa é a única que debería existir nos nosos montes”, din os alcaldes destes tres concellos.

E inciden en que esta iniciativa “é algo que cada concello non pode asumir por libre, xa que se dispararían os custos de ter 3 brigadas independentes. Os 3 concellos chegamos a un acordo e asumiremos a partes iguais parte do custo do proxecto. Agora só falta que a Xunta dea o visto bo e apoie este proxecto”, sinalan os tres alcaldes.

Ademais estes concellos consideran que “sería un gran mazazo para a zona, sobre todo trala crise do COVID-19 que a Xunta negara esta axuda, sería condear o abandono a unha zona do rural ourensán pola que nunca apostaron as institucións públicas. Por ese motivo enviouse unha carta a Xunta solicitando a aprobación deste proxecto”.

Artigos relacionados

Back to top button