OurenseÚltima hora

Río, Viana e A Teixeira, entre os 9 concellos ourensáns que recibían maquinaria para a prevención de incendios

Este convenio de colaboración entre as administracións locais, provincial e autonómica, permite a cesión de maquinaria destinada a esta función

 

Esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o conselleiro de Medio Rural, José González, participaban no Parque de maquinaria da Deputación, na entrega de tractores e apeiros para a prevención de incendios forestais que chegarán a nove concellos da provincia de Ourense. Un convenio de colaboración entre as tres administracións -local, provincial e autonómica- que permite financiar a adquisición, por parte dos municipios, de maquinaria forestal para a limpeza de vías rurais e faixas de biomasa para previr incendios.

Este convenio de colaboración, asinado hai mes, permite a cesión de maquinaria destinada á prevención de incendios aos concellos de Boborás, Lobeira, Esgos, Oímbra, San Xoán de Río, A Teixeira, Avión, Trasmiras e Viana do Bolo. Por elo, cada un deles recibiu 100.000 euros para a adquisición de tractores e rozadoiras de arrastre e de brazo. Estes apeiros destínanse á limpeza e mantemento, libre de matogueira, das infraestruturas rurais de titularidade municipal, así como á xestión da maleza das masas comúns de concentracións parcelarias de titularidade dos concellos e da biomasa preto de vivendas en terreos de titularidade descoñecida ou do propio concello. Neste último caso, os traballos fanse en predios que non sexan obxecto de actuación no marco do convenio de defensa das aldeas que a Xunta ten asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga.

A Deputación de Ourense é “o único dos gobernos provinciais galegos acollido a este convenio coa Consellería de Medio Rural, o que demostra que a planificación e a previsión son eixos estratéxicos da nosa xestión”, afirmou Manuel Baltar.

 

 

Neste sentido, Baltar saudou a chegada destes tractores que “supoñen unha sacudida competencial para os concellos porque permite dotalos de tractores que son imprescindibles para levar a cabo esas tarefas de desbroce e de prevención de incendios”. Así mesmo, destacou que a colaboración institucional permite que os concellos conten cunha maquinaria esencial nunha andaina que nos atinxe a todos que é a medioambiental”.

No acto, tamén estiveron os alcaldes e alcaldesas dos concellos que recibirán esta maquinaria, así como a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.
O conselleiro do Medio Rural agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense a implicación que demostra a Deputación de Ourense ao colaborar con esta cuestión unha vez máis, sendo o único goberno provincial que así o fai en Galicia.

 

 

Así mesmo, aproveitou durante a súa intervención para facer un chamamento a todas as administracións implicadas na prevención e defensa fronte os incendios forestais para que se sumen á colaboración institucional coa Xunta nesta materia, clave para a seguridade das persoas e dos bens. González sinalou que esta implicación “é unha obriga moral, pero tamén é unha cuestión legal”, xa que -como lembrou- a normativa reguladora das Bases de Réxime Local contempla, entre as competencias das deputacións, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

Artigos relacionados

Back to top button