ConcellosÚltima hora

RíoMola pon os seus recursos económicos á disposición dos afectados economicamente polo Covid-19

"As actividades programadas pasan a segundo plano, agora o máis importante é pasar esta crise sen deixar a ninguén atrás", din dende esta asociación cultural

O presidente da Asociación Cultural RioMola, José Luis Rodríguez Álvarez “Yiyo”./ Foto cedida.

 

A Asociación Cultural RíoMola vén de decidir por unanimidade poñer os seus recursos económicos a disposición daquelas familias que poidan ter dificultades económicas pola crise que provoca o COVID-19. “Nestes duros momentos para todos as actividades programadas pola AC RíoMola pasan a un segundo plano. Xa haberá tempo nun futuro de desfrutar de festas, concertos, andainas, etc. Agora o máis importante é pasar todos xuntos esta crise sen deixar a ninguén atrás e, unha vez rematada esta situación, celebrar todos xuntos a volta á normalidade”, destacan dende esta entidade cultural.

O seu presidente, José Luis Rodríguez Álvarez “Yiyo”, sinala que, dado que dende Servizos Sociais do Concello de San Xoán de Río estase axudando a xente que xa tiña problemas antes desta crise, “a campaña de RíoMola está pensada para a poboación que antes desta crise sobrevivía e agora mesmo segue tendo os mesmos gastos pero perdeu parte ou a totalidade dos seus ingresos. Familias que teñen fillos aos que seguir alimentando, serán a prioridade para botarlles unha man”.

E incide en que “hai familias ás que da noite á mañá lles mudou totalmente a súa maneira de gañarse a vida, unha redución de ingresos que nalgúns caso pode levalos a problemas económicos que antes non tiñan. Por iso todos os nosos esforzos vanse centrar en intentar botar unha man a toda a xente que poida ter estes problemas”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close