OurenseÚltima hora

“Risc Miño-Limia”, plan para minimizar os efectos de intensas chuvias ou secas

Esta iniciativa presentarase á candidatura dos proxectos de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal

Organizacións asinantes do protocolo de colaboración para o proxecto POPTEC "Risc Miño-Limia".
Organizacións asinantes do protocolo de colaboración para o proxecto POPTEC “Risc Miño-Limia”.

Mellorar o coñecemento das concas internacionais co ánimo de minimizar os efectos ante fenómenos extremos, de intensas chuvias ou secas prolongadas, avanzando dese xeito na intención de España e Portugal de camiñar cara un plan hidrolóxico compartido. A este obxectivo resposta o proxecto europeo “Risc Miño-Limia”, que se presentará á candidatura dos Proxectos de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal (POPTEC).

Para impulsar esa iniciativa as administracións española e lusa veñen de asinar un protocolo de colaboración na mañá do 8 de outubro na sede da Subdelegación do Goberno en Ourense. Neste acto, presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; participaban o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; a Axencia Portuguesa do Ambiente, a través do director da ARH José Carlos Pimenta; o rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e un representante da Facultade de Enxeñería da Universidade de Oporto, Rodrigo Maia.

“O conxunto de accións previstas permitirán avanzar na elaboración, para o ano 2021, dun plan hidrolóxico conxunto, único para todo o ámbito da demarcación internacional, que mellore os impactos e presións de conxunto e nos permita adiantarnos aos episodios de intensas chuvias ou prolongada seca, coordinados co veciño Portugal co que compartimos a conca transfronteiriza dos ríos Miño e Limia”, explicaba no acto da sinatura o presidente da CHMS, Francisco Marín.

Os asistentes ao acto, tras a sinatura, que tiña lugar na Subdelegación do Goberno en Ourense.
Os asistentes ao acto, tras a sinatura, que tiña lugar na Subdelegación do Goberno en Ourense.

Este proxecto pretende elaborar unha nova cartografía de toda a rede hidrográfica desta demarcación e das concas vertentes asociadas, que será “fundamental para conseguir un inventario de recursos que teña en conta o efecto do cambio climático nas partes española e portuguesa da demarcación”, segundo informa a CHMS. Ademais proxéctase crear un novo sistema de indicadores e umbrais para situacións de seca e porase en marcha un novo sistema de alerta temperá de inundacións e dos seus efectos sobre a poboación.

Artigos relacionados

Back to top button